Vilagarcía acode outra vez a Europa na procura de 1,8 millóns para mobilidade

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O Concello aspira a captar fondos da liña para proxectos innovadores dos FEDER

21 jun 2026 . Actualizado a las 19:29 h.

O Concello de Vilagarcía de Arousa vén de concorrer a unha nova convocatoria de fondos europeos, cos que pretende dispoñer de 1,8 millóns de euros para a materialización de solucións innovadoras en cuestión de mobilidade e accesibilidade urbana.

Concretamente, desde Ravella optan á súa cuarta convocatoria europea para proxectos de accións innovadoras sufragados cos fondos comunitarios FEDER, centrada na procura de solucións novidosas fronte a desafíos urbanos urxentes. De conseguir o si desde Bruxelas, o goberno local distribuirá os 1.442.400 euros procedentes da UE —o 20 por cento restante, 360.000 euros, deberán ser achegados polo propio Concello— en tres liñas de actuación, baixo o título conxunto de Solucións de innovación social e dixital para a mobilidade sostible e inclusiva de Vilagarcía de Arousa.

O primeiro vector de traballo centraríase en avanzar en materia de accesibilidade axeitando os itinerarios peonís ás necesidades da veciñanza e do comercio local, principalmente, ancheando as beirarrúas a unha media de 1,8 metros, cun mínimo de 1,5 onde non sexa posible gañar máis espazo para o camiñante.

Reforzar a seguridade peonil, a conectividade responsable e a mobilidade alternativa serían os eixos da segunda liña de traballo. Neste eido, con medidas que melloren a conectividade dos cascos urbanos do municipio coa periferia e cos núcleos rurais, rompendo a dependencia do vehículo privado promovendo o transporte compartido. Tamén, con medidas informativas e pedagóxicas.

A terceira cuestión a desenvolver de conseguir os 1,8 millóns de Europa centraráse na creación de mesas de traballo coordinadas polo Concello, con técnicos, con asociacións veciñais e con colectivos que, xuntos, definan unha rede de corredores peonís periurbanos seguros e espazos de convivencia. Darlle á cidadanía voz e voto no deseño da mobilidade do municipio.

De ser elixido, o novo proxecto do Concello deberá executarse entre 1 o de marzo do 2027 e o 28 de febreiro do 2029, e sumaríase aos 15 millóns de euros investidos con anterioridade grazas á consecución de fondos europeos das convocatorias EDUSI, Next Generation, PSTD, Plan MOVES e EDIL; 12 millóns achegados pola UE e 3 polo Concello.