Autónomos de Vilagarcía animan a sumarse á nova manifestación polos seus dereitos en Vigo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Imagen de una protesta de trabajadores autónomos en Asturias.
Imagen de una protesta de trabajadores autónomos en Asturias. Juan González | EFE

Reclaman sete reformas urxentes sobre a fiscalidade que soportan

20 jun 2026 . Actualizado a las 22:09 h.

Traballadores por conta propia de Vilagarcía de Arousa animan o colectivo a sumarse á manifestación que a Plataforma por la dignidad de los autónomos 30N vén de convocar en defensa dos seus dereitos o luns 29 de xuño ás 10.00 horas diante da oficina da Agencia Tributaria na Praza América de Vigo.

Baixo o lema «Pola dignidade, a xustiza fiscal e o futuro económico» acompañado dunha realidade incuestionable, «Sen autónomos, non hai país», os autopatronos buscan chamar a atención do Estado sobre o que consideran sete puntos de urxente cumprimento. O primeiro, a exención do pago do IVE a Facenda para calquera negocio que facture menos de 85.000 euros ao ano. O segundo, que ningún autónomo abone o IRPF se non chega ao salario mínimo interprofesional (SMI). O terceiro, un modelo de retencións flexibles e axustadas á realidade de cada autónomo. O cuarto, a aplicación real do IVE de caixa, sen limitacións e con menos burocracia. O quinto, indemnizacións en caso de inspeccións erróneas. O sexto, non ter que pagar as liquidacións recorridas mentres non exista unha resolución definitiva. E o sétimo, a eliminación do pago de bonus a inspectores de Facenda por, entende a plataforma, sancionar máis do debido, por canto o 75 % das inspeccións, subliña, recaerían en pequenos negocios que non poden defenderse como os grandes.

Desde a Plataforma por la dignidad de los autónomos 30N esgrimen que mentres estas sete cuestións non muden o seu colectivo seguirá padecendo unha inxustiza social e fiscal insoportable.