As cores dos Ingleses de Vilagarcía alimentan a paixón polo rugbi de rapaces de Kenia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Nenos da localidade de Naivasha, en Kenia, posan con camisetas de Os Ingleses Rugbi Club que o equipo de Vilagarcía de Arousa donou para o proxecto Path Rugby do ex All Black Norm Maxwell.
Nenos da localidade de Naivasha, en Kenia, posan con camisetas de Os Ingleses Rugbi Club que o equipo de Vilagarcía de Arousa donou para o proxecto Path Rugby do ex All Black Norm Maxwell.

O club de Vilagarcía de Arousa colabora co proxecto PATH Rugby do ex All Black Norm Maxwell

20 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das máximas do rugbi é a deportividade levada ao máximo expoñente, ata o punto de tratar os árbitros cun exquisito respecto e, pase o que pase no campo, convidar os rivais a unha boa merenda ao termo do partido que toque xogar como local. Cunha filosofía así, ensanchar a práctica dos mellores valores resulta case que natural. Como a iniciativa que o ex All Black Norm Maxwell mantén en marcha nos últimos anos baixo o nome de PATH Rugby.

O antigo integrante do corpo técnico do Universidade de Vigo nos tempos do club olívico na máxima categoría do rugbi español, afincado desde hai máis dunha década en Galicia con parella e filla do país, acode varias veces ao ano a Kenia para, co seu coñecemento e os seus contactos, promover a práctica do deporte do balón oval entre a mocidade do país africano. De cara a súa última visita, Maxwell dirixiuse aos clubs galegos para pedirlles camisetas que lles regalar aos rapaces daló. Os Ingleses R.C. de Vilagarcía de Arousa, flamante novo equipo da División Honor B española por primeira vez na súa historia, sumouse encantado á iniciativa. E rapaces da localidade de Naivasha xa locen con alegría as cores do cadro arousán.