Faráo durante a celebración dunha nova edición da Marcha Cicloturista Arousá, este domingo
20 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Club Ciclista Xiabre celebrará mañá a vixésimo novena edición da súa Marcha Cicloturista Arousá. Unha cita non competitiva con saída ás 09.15 horas desde o pavillón polideportivo do Carril e hora de chegada prevista para as 13.56 no mesmo lugar logo de percorrer cen quilómetros, cun treito libre de 11,3 no que figura a subida desde Abalo ao alto da Meda, no monte Xiabre.
Aberta a ciclistas maiores de 15 anos ou que os cumpran no ano en curso e dispoñan de licenza federativa, a Marcha Cicloturista Arousá mantén a súa tradición de convidar a corredores profesionais, como este ano o cambadés Ángel Sánchez Rebollido e o seu compañeiro venezolano no Tavfer-Ovos Matinados-Mortagua Leangel Meneses. Tamén a ex ciclistas do gran pelotón, caso de Gustavo César Veloso, hoxe director deportivo do Tavfer, que este ano axudará na dirección técnica da proba, o estradense Álex Marque ou o deportista de Ordes Iván Raña. Os tres foron homenaxeados pola organización da marcha nos anos 2022, 2023 e 2025. Samuel Blanco Prol é o ex profesional que recibirá este ano o recoñecemento en Vilagarcía.