O autor dos tantos que deron os triunfos ante o Céltiga e Silva marcha ao Estradense
19 jun 2026 . Actualizado a las 21:12 h.O Arousa fixo pública a última hora da tarde deste venres a terceira novidade respecto ao cadro de futbolistas que conseguiron devolver o equipo á Segunda Federación. E como nos casos anteriores, o de Tapha Kante, retirado do fútbol, e o do porteiro Manu Cabaco, Alejandro Seijo causa baixa de cara ao proxecto deportivo do club vilagarcián na cuarta categoría do balompé nacional.
No caso do xogador sub-23 —ten inda 20 anos—, a dirección deportiva e o corpo técnico comandado por Gonza Fernández estimaron a cesión do dianteiro centro de Sanxenxo e canteirán do club a un dos equipos punteiros do grupo galego da Tercera RFEF, o CD Estradense. Habitual na fase autonómica da promoción de ascenso á Segunda Federación na presente década, no Arousa entenden que o conxunto do norte da provincia de Pontevedra é un destino idóneo para que Seijo dispoña de minutos cos que poder recuperar ese fútbol que encandilou o vestiario e as gradas da Lomba en tan só 376 minutos en Liga ata a súa lesión.
Sen apenas oportunidades, Seijo destapouse como un home-gol, con tres tantos saíndo desde o banco. Os dous últimos, en cuestión dunha semana, convertidos nunha das claves principais do ascenso do Arousa, cortando nos minutos finais dos duelos co Céltiga, na derradeira xornada da primeira volta (3-4), e co Silva, na primeira da segunda (1-2), a peor xeira de resultados do curso e relanzando o cadro arlequinado cara a pelexa polo título.