Un libro de gran tamaño permite coñecer dende o Hospital do Salnés como reverter o 80 % deste tipo de graves afeccións a través dos bos hábitos de vida
11 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Os problemas cardiovasculares constitúen a primeira causa de morte en Galicia. A comunidade acumula un 33,7 % de defuncións por este motivo, ben por riba da taxa de mortalidade dun 30,1% presente na media de España. Velaí unha razón máis que convincente para que os servizos de Medicina Interna e Cardioloxía e Atención Primaria ideasen unha actividade interactiva coa que fomentar a prevención deste tipo de riscos para a saúde. A iniciativa concrétase nun libro de gran tamaño (80 por 60 centímetros) que durante tres semanas poderá ser consultado no vestíbulo do Hospital do Salnés.
Carapuchiña Vermella, unha aventura do corazón é un proxecto no que o Servizo Galego de Saúde conta coa colaboración da compañía biotecnolóxica Amgen. A través do formato de elección da propia aventura, o lector vai tomando decisións sobre a súa vida cotiá que conducen a determinados resultados. A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés lembra que o 80 % das afeccións cardiovasculares poden ser previdas mediante o cambio de condutas e hábitos e o control dos factores de risco. A actitude cara a actividade física, o tabaquismo ou a xestión do estrés pode conducir a unha magnífica conclusión. Ou todo o contrario.
Tres semanas. «A prevención non remata cando os pacientes saen polas nosas portas; comeza xusto aí». Esta é a mensaxe que onte difundiron Nuria Iglesias, directora do distrito do Salnés, Carlos Pol, subdirector de Enfermaría, e os responsables de Atención Primaria, Cardioloxía e Medicina Interna, e da compañía Amgen. O libro ficará tres semanas no Hospital Salnés.