O Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía pasa a ser porta de acceso aos Premios Goya

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O certame galego de xénero fantástico, terror e ciencia-ficción incorporará premios en metálico para cumprir cos requisitos esixidos pola Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España

06 jun 2026 . Actualizado a las 17:15 h.

Ver en cuestión de meses a un dos gañadores da edición do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa subirse ao escenario dos Premios Goya a recoller o galardón a Mejor Cortometraje de Ficción é unha posibilidade moito máis real ca en ningunha das 53 edicións anteriores do certame decano do audiovisual galego. A Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España presentou esta semana as bases dos seus 41.º Premios Goya, que o vindeiro ano recoñecerán os mellores traballos e profesionais do cinema do 2026. Incluída nun dos seus anexos figura a lista de festivais que servirán de porta de acceso á carpeta de candidaturas que os académicos valorarán á hora de elixir as mellores curtametraxes de ficción, documental e de animación. E entre os 70 que servirán para a primeira peneira na categoría de ficción aparece, por primeira vez, o Curtas.

A organización da cita arousá dirixírase hai un ano á academia nacional de cine interesándose por incorporarse á cadea de preselección de aspirantes aos Goya. Foi entón cando coñeceu os requisitos: ter un mínimo de 7 anos de historia, e ben dotar economicamente os seus premios, ou facer un pago por selección. 

Bolsa económica ao gañador

Para entrar no club Goya, o Curtas procedeu a dous cambios de calado na súa vindeira edición: dividir o premio a Mellor Curtametraxe Fantástica en dous galardóns, un á mellor produción internacional e outra á nacional, e concederlle ao escollido en cada unha delas un novidoso premio en metálico na cita de Vilagarcía, de 666 euros —manténse o premio a Mellor Curta Galega, dotado agora con 333 euros—.

«Elevar a baixa representación do xénero fantástico», co Maniatic de Valencia abrindo o camiño o ano anterior coa súa entrada na lista de certames de corte para os Goya, e «expandir o festival» son, contan no Curtas, as razóns deste novo paso.