Vilanova homenaxea a Víctor Mariño antes da súa participación no Campionato de Europa de Descenso

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e a concelleira de Deportes da localidade, Eliana Vidal, tributáronlle na mañá de onte unha recepción oficial a Víctor Mariño Ferreira, veciño da parroquia de András e un dos referentes galegos do descenso, posiblemente a modalidade máis espectacular de cantas se encadran no ciclismo de montaña (BTT).

Vixente campión elite de Galicia na súa especialidade, Víctor Mariño conta tamén no seu palmarés co título de campión autonómico e subcampión de España na categoría júnior e co título galego sub-23.

Tras participar con anterioridade en tres copas do mundo, o vilanovés rodará a vindeira semana no Campionato de Europa, en Girona, viaxando acto seguido a Austria para a que se converterá na súa cuarta experiencia nunha copa do mundo.

Durán trasladoulle a Mariño o orgullo do seu pobo pola súa traxectoria, salientando o esforzo e a capacidade de superación do veciño de András e desexándolle «que sigas traendo os mellores premios a Vilanova». O alcalde e a concelleira de Deportes entregáronlle ao ciclista unha metopa co esculo de Vilanova, e adiantáronlle que o Concello lle dará un lote de material deportivo.