Tres bocadas de xarda da man de Xoanqui Ameixeiras

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O chef Xoanqui Ameixeiras, coas mans na masa na praza de abastos de Vilagarcía
O chef Xoanqui Ameixeiras, coas mans na masa na praza de abastos de Vilagarcía Serxio González

O chef enxaldou o gorentoso peixe azul no obradoiro de cociña co que o Concello de Vilagarcía dinamiza a súa praza

14 may 2026 . Actualizado a las 19:38 h.

Xarda, rincha, chámeselle como se lle chame, un peixe azul exquisito, tal e como este xoves se encargou de demostrar Xoanqui Ameixeiras na praza de abastos de Vilagarcía. O chef, que cociña cun ollo posto en Caranza e Centroña, o outro na capital arousá e o peito no mar de Galicia, enxalzou este gorentoso bocado, mal considerado ata hai ben pouco como carente de interese, a través de tres elaboracións. Fíxoo nunha nova sesión da xeira de obradoiros cos que o Concello dinamiza e pon en valor o mercado e o seu segundo andar, de vocación gastronómica.

Diante dun público fiel, Xoanqui amosou, en primeiro lugar, como mellor tratar este pequeno gran peixe para estraer del todo o seu enorme potencial. Limpar e desespiñar, quitar os lombos ou evitar que se deforme foron algúns destes pasos preliminares. A partir de aí, tres preparacións de altura: unha xarda con tirabeques e alloporro nun delicado escabeche branco, unha xarda de domingo para goce de toda a familia, glaseada ao forno, e uns tacos de xarda cando a présa apreta sen ser desculpa para non recorrer a un alimento sano e saboroso.

Xarda con tirabeques e alloporro en escabeche branco
Xarda con tirabeques e alloporro en escabeche branco Serxio González

Así transcorreu o obradoiro marca Ameixeiras. Ata o remate do ciclo, a finais de setembro, quedan catro entregas. Paga a pena aproveitalas.