A música e o baile de raíz feminista tomarán a praza da Segunda República o 30 de maio
10 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Festivala Mulleres Creando naceu cun propósito claramente reivindicativo: facer fronte á ausencia de mulleres na escena galega, nomeadamente no eido da música, dominada nun 80 % por homes. «Queda moito por mudar, pero o cambio dende entón foi brutal». Son palabras de Daisy Alcalde, a presidenta do colectivo feminista O Soño de Lilith, que puxo en pe unha iniciativa pioneira non só en Galicia, senón tamén no conxunto do Estado. Co respaldo do Concello de Vilagarcía, está a piques de acadar a súa décima edición. Especial, non mellor, pero si máis traballada, cun cartel que seguen a apoiar a marca VGA 365, as concellerías de Cultura, Turismo e Igualdade, con Tania García á cabeza, os departamentos autonómicos de Política Social e Secretaría Xeral da Lingua, e conta co patrocinio do cine club Ádega, Ana Parada e Arosa Casa Deco.
Xa é marca da casa que os concertos e actuacións sexan de balde, e este aniversario redondo non será unha excepción. 0 30 de maio, a partir das oito do serán, a praza da Segunda República acollerá á agrupación As do Xeito, Señora DJ, Chocolate Remix e Miss Bolivia, baile e regatón reivindicativo, A Pedreira e Sés, «sinónimo de forza e exemplo de feminismo a seguir», que repite presenza no Festivala. Como presentadora, Tamara GR.
Pechou a presentación o alcalde, Alberto Varela, quen cargou contra «quen non acaba de entender o feminismo, máis necesario ca nunca» e non dubidou en criticar abertamente que a Deputación de Pontevedra deixase de colaborar co Festivala logo da etapa da socialista Carmela Silva na súa presidencia, «un orgullo en materia de igualdade», dixo.