Agroman candidatos para as eleccións municipais nunha comarca na que os datos económicos non atraen a ninguén, e menos aos mozos
10 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.X a se nota o bule-bule. Agroman candidatos para as eleccións municipais, algúns tentando eliminar papadas e bandullos, outros afiando machadas; o que máis e o que menos falando os sete falares ou dando cotobeladas para despuntar cun sorriso cativador o máis diante posible nas listas electorais; algún acudindo a un curso acelerado de oratoria —que non se preocupe que só precisará frases cortas—, ou a clases de urbanidade para saber dar a man —ollo: non se leva o do bico nas fazulas— co torso erguido, enerxía contida e sorriso sedutor; os que dispoñen de bastón de mando anunciarán obras e obrados e, en fin, todos encargando un refit o máis actualizado posible de feitos e feituras, actitudes e aptitudes. É parte do show.
Para os votantes dos municipios do Salnés que non se deixen cegar por esas trazas, os que están agora no poder téñeno máis difícil do que corresponde porque terán que explicar cales sexan as razóns, por unha banda, da falta de estruturación desta comarca e, por outra, dos datos económicos actuais tan negativos. Ben é certo que a economía non depende maiormente dos órganos municipais, pero non parece haber dúbida algunha de que un algo terán que ver os seus gobernos, que, como norma xeral, por aquí estanse a exercer dun xeito pasivo, á espera do que deseñen e acheguen outras Administracións: Deputacións, Xunta, Estado, Unión Europea.
A realidade é que residimos nunha comarca chea de historia, de atractivos naturais, de potencialidade económica e de emprendedores. No que atinxe ao cada vez máis polémico turismo é certo que esta comarca deixou de ser un destino de primeiro nivel e é receptora dun turismo puramente depredador, por razóns que haberá que estudar. Dá risa estes días ver como algunhas simples, simples, comunidades de propietarios da illa da Toxa, desas que escriben La Toja, inexistente en calquera idioma —a santo de que din La Toja se non é por unha chulería inculta, castrapo puro?— berran contra o turismo de masas, que promoveron, promoven, explotaron e explotan, e disque para protexerse quérense apropiar do uso de chan público. Como era aquilo de verlle non sei que parte á curuxa?
E digo que o teñen difícil os actuais gobernantes porque residir no Salnés non chama economicamente a ninguén, e menos aos mozos. A renda media dispoñible bruta —a cantidade que lle queda a xente despois de pagar impostos— no Salnés non é atractiva. No conxunto da moi variada España é de 16.840 euros ao ano. Na provincia de Pontevedra, de 18.236. Sanxenxo, 16.816; Cambados, 15.701; Vilagarcía, 15.482; Ribadumia, 15.396; O Grove, 15.188 —menos do salario mínimo interprofesional mensual, coa Toxa, San Vicente, as mellores praias de Galicia, o mar—; Meaño, 14.938; Vilanova, 14.367; A Illa, 14.341; e Meis, 14.296.
Os datos económicos
O límite de pobreza en España está nos 13.000 euros. E os prezos da vivenda e os de aluguer cegados polo turismo, escalan ata cifras imposibles de asumir. Son datos que reflicten a realidade dunha comarca. A todo isto vénme á cabeza aquel conto da raposa vella esmorecendo nun tobo comesta polos carrachos; a un cachourizo que pasaba ao seu carón doulle pena ver así aquel animal que fora tan espelido e poderoso e ofreceuse para catarlle aquela chea de parasitos. A raposa, un animal sabio na nosa tradición, negouse; o ourizo cacho, abraiado, preguntoulle por que. Ela díxolle que aquel mundo de carrachos xa estaban todos fartos e bebían pouco sangue, e se viñeran outros novos chuparíanlle o que lle quedaba. Non sei moi ben o que quero dicir, nin, entre os que menciono aquí, quen será raposa, carracho ou cachourizo; pero saíume así e o escrito, escrito está.