Os institutos Armando Cotarelo de Vilagarcía e Plurilingüe de Valga acollerán parte das novas oposicións para Educación

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

<span lang= gl >O IES Armando Cotarelo Valledor será a sede das oposicións autonómicas ao profesorado de Equipos Electrónicos.</span>
O IES Armando Cotarelo Valledor será a sede das oposicións autonómicas ao profesorado de Equipos Electrónicos. Martina Miser

Máis de 150 aspirantes se repartirán entre ambas as dúas sedes

30 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, presentou onte en Santiago de Compostela as sedes nas que se desenvolverán este ano as oposicións para entrar no corpo de docentes do ensino galego. Un proceso que comezará o 20 de xuño con 15.954 aspirantes a 1.601 prazas de mestres de educación Infantil e Primaria, de profesores de Secundaria e de profesonres especialistas en sectores singulares da FP, o 87 % delas de novo ingreso e as restantes de promoción interna. Os candidatos, explicou Rodríguez, serán repartidos entre 60 centros educativos de 15 localidades da comunidade, que servirán de sedes do proceso de peneirado que se estenderá durante 30 días, ata a publicación dos resultados o 19 de xullo. E entre os 60 centros escollidos pola Consellería de Educación, dous se localizan na banda sur da ría de Arousa.

O Instituto de Ensinanza Secundaria Armando Cotarelo Valledor será o punto de encontro dos 94 aspirantes a unha das 20 prazas ofertadas este ano pola Xunta de Galicia para a especialidade de profesor de ensino secundario en Equipos Electrónicos. De acudir finalmente todos os inscritos, enfrontaránse a un proceso cunha ratio de 4,7 opositores por cada praza. 

Especialidade ao límite

Máis probabilidades de partida terán os 59 postulantes ás 14 prazas ofertadas pola Consellería de Educación para o profesor de Soldadura no corpo de docentes especialistas en sectores singulares da FP. O IES Plurilingüe de Valga foi o centro público escollido neste caso como sede da oposición, na que a ratio é de 4,2 candidatos por cada posto de funcionario a cubrir.

A de Soldadura é unha das especialidades que se incluíron na nova oposición a Educación debido á súa situación límite, por estarse esgotando as listaxes de profesores substitutos.

O centro vilagarcián reunirá o proceso para profesores de ensino secundario de Equipos Electrónicos e o do Baixo Ulla para especialistas da FP en Soldadura