Os padexeiros do Breogán conseguen tres títulos nacionais de medio maratón
AROUSA
O Náutico Pontecesures gaña a primeira proba da Liga Provincial co Náutico O Muíño, organizador da seguinte regata, xusto por detrás na clasificación
29 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Breogán do Grove celebrou a pasada fin de semana os tres títulos en categoría sénior conquistados polos seus padexeiros no Campionato de España de Medio Maratón en Aranjuez. Nos tres casos, contundentes. Sobre todo o da parella internacional do C2 formada por Tono Campos e Diego Romero, gañadores en 48 minutos e 15 segundos, polos 53.18 dos padexeiros do club anfitrión Javier Lobillo e Jorge Vélez.
Tania Álvarez e Llara Tuset fixéronse co ouro no K2, ao igual co C2, sobre 10.000 metros e cun porteo, no seu caso cun crono de 47.30, empregando case dous minutos menos ca Teresa Tirado e Ainhoa Trinidad, do Iuxtanam, prata en 49.25. Os tamén breoganistas Adrián Boros e Tomas Erdelyi completaron o trío de ases do club meco entrando primeiros na final do K2 masculino nunha hora, 3 minutos, 50 segundos e 16 centésimas, polos 1.04.30,63 de Serrano e Estébanez, do Villaviciosa.
Liga Provincial
Sen saír de Galicia, o encoro pontevedrés de Verducido foi o pasado sábado escenario da primeira proba da Liga Provincial de Pontevedra O Noso Club 2026 para categorías benxamín, alevín e infantil. O Náutico Pontecesures fixóse co triunfo na clasificación xeral por equipos, con 6.460 puntos, seguido polo Náutico O Muíño de Ribadumia, con 5.966.
Este último será o organizador da segunda proba do calendario, este sábado en augas do Umia. Uns 350 padexeiros de 21 clubs citaránse ás 15.30 horas na ponte de Barrantes, unha cita presentada onte en Ribadumia, con presenza do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea.