As tripulacións feminina sub-23 de Amegrove e cadete masculina de Mecos demostráronse as mellores no encoro vasco de Legutio
25 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado domingo o remo arousán gozou dunha mañá gloriosa nas augas do encoro de Urranaga, na localidade vasca de Legutio. Dous dos seus barcos pasaban ao termo do Campionato de España de Bateis polo estrado para ondear candasúa bandeira de mellores tripulacións do estado. Un motivo de orgullo compartido polos integrantes das embarcacións cadete masculina do Club de Remo Mecos e da sub-23 feminina do Amegrove C.R.
Tempo se tomaron uns e outras para facer a merecente mostra pública das súas fazañas deportivas tras a lóxica celebración no escenario dos feitos. Amegrove, ata este mércores, elixindo as súas contas en redes sociais para recordar como tres días antes «vivimos a final con emoción de principio a fin». Porque «a pesar de dominar desde a saída, foi unha final moi axustada, loitada e chea de carácter» a que protagonizaron Claudia Alfonso Fuentes, Clara Devesa Prieto, Lucía Guillermes Garrido, Candela Cameselle Moldes e en funcións de patroa, Julia Devesa Prieto.
O quinteto de rapazas da canteira de Amegrove conseguiron, salienta no seu escrito público o club, «un título histórico para o club e para o remo, pois son as primeiras campioas de España desta categoría», para engadir: «Este éxito non naceu destes meses, pois é froito de anos de traballo, de medrar xuntas, de aprender, de caer e de levantarse, de remar desde ben pequenas cun mesmo obxectivo [...] Non facedes máis que construír, inspirar e dar exemplo para o que está por vir».
O C.R. Mecos, pola súa banda, celebrou cunha ruada polo Grove con final na estatua á familia mariñeira todos os triunfos das súas tripulacións ao longo da tempada de bateis, salientando o pleno da súa tripulación cadete masculina. Marcos Cores Soto, Mateo González da Silva, Carlos Caneda Gómez, Breogán Villanueva Conde e o patrón Eidan Carei Poza Diorno foron este ano campións de Pontevedra, de Galicia e de España, logo de ser subcampións estatais no 2025 e campións de España infantís un ano antes. As cadetes e os alevíns de Mecos colgáronse o bronce na gran cita de Legutio, mesmo podio co do batel sénior masculino do C.R. Vilaxoán.