O Real Decreto lei 8/2026 non parece que vaia solucionar o problema, polo menos visto dende O Salnés
19 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Nestes tempos difíciles para a política xeral en España, nos que resulta complexo alcanzar acordos no Congreso, pola falibilidade dos apoios do Goberno, cunha oposición alterada e pechada nun a que non permanente, o Executivo acode con demasiada frecuencia aos Real Decreto lei. Este xeito de actuar ten moito de propaganda, é abusivo, provoca inseguridade xurídica e, no fondo, lembra un autoritarismo trasnoitado. Convén unha breve explicación. Como se sabe, un dos principios do sistema democrático é a división de poderes do Estado: lexislativo, executivo e xudicial. A función de ditar leis correspóndelles ás Cortes, Congreso e Senado, lexitimadas pola elección popular. A debilidade parlamentaria do PSOE e os vaivéns dos socios facilita que o Goberno acuda aos Decreto lei, que están reservados na Constitución para casos de extraordinaria e urxente necesidade, cando non se pode agardar polos largos trámites parlamentarios. Estiveron xustificados cando foi da pandemia da Covid, por exemplo, e aínda así. A eficacia deste tipo de normas deriva de que entran en vigor con carácter provisional mentres son sometidos a debate e votación no Congreso, que poderá validalos ou derrogalos.
Un dos últimos exemplos é o Real Decreto lei 8/2026, que di querer afrontar as «tensións do mercado do arrendamento de vivendas» xustificando a extraordinaria e urxente necesidade nos efectos inflacionistas da guerra de Irán. Propón dúas medidas: unha prórroga extraordinaria de ata dous anos dos contratos de aluguer que venzan entre marzo de 2026 e decembro de 2027 e un límite xeral do 2% de actualización da renda. Hai uns 630.000 contratos afectados: máis de millón e medio de persoas.
O Goberno di que pretende evitar o incremento da renda favorecendo aos inquilinos e deixando en standby aos pequenos propietarios. Non falo dos grandes inversores, que por aquí non se dan moito, senón dos pequenos arrendadores. Estes propietarios nalgúns casos —xubilados, por exemplo— dispoñen de menos medios que os inquilinos e quedan sometidos a todos os incrementos de prezos, como calquera outro cidadán, pero non van poder subir a renda do aluguer máis do 2%.
Visto desde O Salnés, non parece que esas dúas cativas medidas solucionen o problema da vivenda na nosa comarca, onde quizá haxa tantos votantes pequenos propietarios como inquilinos. Iso non é política de vivenda apta para esta zona; requírese outro tipo de actuacións nas que os Concellos teñen toda a responsabilidade mediante o exercicio das potestades de seu: deseño das normas urbanísticas e regulación das vivendas turísticas, entre outras. Resulta irreal considerar que a guerra de Irán xustifique ese Real Decreto lei con efectos ata 2027. Esa guerra non ten nada que ver co problema da vivenda na nosa comarca e non se pode considerar que derive dunha situación de extraordinaria e urxente necesidade: o problema da vivenda é outro e anterior a ese conflito.
Ademais, membros destacados do Goberno instan aos arrendatarios a comunicar aos propietarios que se acollen a este Real Decreto lei, afirmando que se o fan e este non resulta validado polo Congreso adquirirían, por tal comunicación, os dereitos de prórroga e limitación da suba da renda. Na miña opinión non é certo. Se o Congreso derroga o Real Decreto lei 8/2026, quedará sen efecto porque é unha norma provisional condicionada a que a aproben as Cortes. Se o poder lexislativo, depositario da vontade popular, di que non procede, de ningunha maneira se poderá defender que ese Real Decreto lei produza efectos. Solucionar o problema da vivenda non pode ir por ese camiño de parcheo, a salto de mata.