A Deputación levará o programa + Xuntas a unha trintena de asociacións na contorna do Salnés

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

AROUSA

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra Martina Miser

Os programas centraranse en cuestións relacionadas coa alfabetización dixital, as redes sociais e a administración electrónica, pero tamén coa pintura, o teatro, a lectura, a artesanía ou a ximnasia

12 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación de accións formativas dentro do programa + Xuntas, que chegarán, dentro deste ano, a unha trintena de asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro na contorna do Salnés e Arousa. O presidente da institución provincial, o popular Luis López, subliña que esta iniciativa conta cun orzamento que roza os 340.000 euros, cun incremento dun 6 % con respecto ao 2025 e o obxectivo de impulsar a formación das mulleres arredor das áreas centradas na tecnoloxía, a creatividade, a natureza e a saúde.

«Avanzamos —sostivo López— con programas que melloran a formación básica e as condicións de vida das mulleres, creando redes de apoio para impulsar a súa participación na sociedade e o intercambio de experiencias, xerar vínculos e fomentar as relacións interpersoais que rompan co illamento».

Estas accións formativas contarán coa Asociación de Mulleres Rurais San Vicente de Paúl, na Illa de Arousa; a Asociación contra o Maltrato Esmar Maltrato Cero de Ribadumia; e as asociacións de Amas de Casa Muíños do Vento e Feministas de Catoira. Os obradoiros chegarán tamén ás asociacións de Mulleres Rurais A Lagoa de San Vicente e a Confraría de Pescadores San Martín do Grove; as asociacións de Amas de Casa Albariño, de Mulleres Rurais de Castrelo-As Saíñas e O Batuqueiro de Vilariño, en Cambados; as asociacións de Mulleres Rurais e Consumidoras O Corazón do Salnés e de Mulleres Rurais e Consumidoras a Telleira de Dena, en Meaño; as asociacións de Mulleres Rurais A Palleira, Mulleres Rurais Ps Pazos, Mulleres Rurais O Marco de San Salvador e Mulleres Rurais Nogueira, en Meis; Mulleres Rurais Os Borrizos de Cornazo, Mulleres rurais Anduriña, Asociación Cultural Xeada e Asociación de Veciños Agustín Romero, de Vilagarcía; e Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais Albor e Asdivalu en Valga.

Ademais, en Vilanova beneficiaranse do programa + Xuntas as asociacións Féminas en acción, Mulleres Rurais O Campanario, Mulleres Rurais O Mouriño, Mulleres Rurais As Aceñas de Baión, Mulleres Rurais Lolita Trigo e Mulleres Rurais Consumidoras e Amas de Casa Citania de Baión.

Os programas centraranse en cuestións relacionadas coa alfabetización dixital, as redes sociais e a administración electrónica, pero tamén coa pintura, o teatro, a lectura, a artesanía ou a ximnasia, entre outras.