Os tres grandes torneos da Semana Santa no Salnés gozaron dun «ambientazo»
AROUSA
A R.C. Soccer Cup Sub-16 calcula un impacto económico duns 700.000 euros
07 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Habendo menos equipos, non se resentiu nada a asistencia. Había un ambientazo, máis asistencia da esperada». A apreciación correspóndese aos catro días da fase previa do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 en boca do portavoz da súa organización, Alberto Diz, pero é intercambiable ao cento por cento pola valoración de Alberto Blanco, presidente do C.B. Vilagarcía, respecto ás mesmas catro xornadas da Vilagarcía Básket Cup Helena Mariño, celebradas entre o xoves e o domingo da Semana Santa. Paco Ozores, director da Ramiro Carregal Soccer Cup Sub-16, cun día menos de competición, manifestábase onte nas mesmas coordenadas. A clave, din, as excelentes condicións meteorolóxicas, que contrastaron co pésimo tempo dos anos inmediatamente anteriores que tanto desluciran os tres grandes torneos da primavera no Salnés. A falta de pechar números, este é o balance inicial que fan os seus responsables do vivido a semana pasada.
VBCup Helena Mariño
«Este ano foi unha pasada». Alberto Blanco anunciaba na presentación da vixésimo novena edición da Vilagarcía Básket Cup Helena Mariño a redución nun 25 por cento do número de equipos, reunindo na capital arousana a 1.550 xogadores de todas as categorías base, desde a benxamín á xuvenil. E inda con esta drástica diminución, atribuída pola organización ao desexo de que os seus integrantes puidesen gozar tamén do torneo sen ter que ir ao límite loxístico, «tivemos moitísima xente, moita máis ca nos últimos anos». E o motivo, engade Alberto Blanco, foi «polo tempo». «O día da competición de minibásket, o xoves, foi unha pasada», declara o presidente do C.B. Vilagarcía, que salienta o nivel deportivo, con «partidos decididos nos segundos finais, mesmo con triplos empates para pasar roldas».
A falta dun balance exhaustivo, o directivo da VBCup Helena Mariño remítese ao cálculo medio que o Consejo Superior de Deportes (CSD) fai á hora de cifrar o impacto económico dun torneo das características do arousán, situándoo nos 60 euros por persoa e día. Así as cousas, e fixando entre 25 e 30 os acompañantes de cada un dos 127 equipos participantes este ano, falariamos de entre 762.000 e 914.000 euros de retorno económico para Vilagarcía e arredores, fundamentalmente para a súa hostalaría e restauración.
Ramiro Carregal Soccer Cup Sub-16
Entre 1.500 e 2.000 espectadores. Con tan só cinco edicións ás costas no Municipal de Vilaxoán e o Manuel Jiménez, a Ramiro Carregal Soccer Cup gañouse a súa praza no que hoxe é o triunvirato de grandes torneos deportivos da Semana Santa no Salnés. Este ano, a competición de fútbol sub-16 contou cun equipo máis, para un total de 29. Entre eles, salienta o seu director, Paco Ozores, «cunha ducia que competiron a moi alto nivel». E co engadido do grande ambiente xerado polo excelente tempo desta Semana Santa, en contraste co do ano pasado, «un desastre» pola pésima meteoroloxía, lembra. No tocante ao impacto económico, Ozores calcúlao nun total duns 350 euros por persoa, fronte aos 300 que puido ter xerado o torneo na súa edición anterior, o que supón ter pasado duns 550.000 a uns 700.000 euros. O único lunar, algún pequeno altercado entre afeccións lamentado polo director do evento, atribuíble única e exclusivamente á falta de civismo dunha minoría incapaz de respectar o carácter amigable dun campionato de fútbol base.
Fase previa do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7
«Habendo menos equipos, non se resentiu nada a asistencia». Alberto Diz recorda a decisión dos responsables do AF7 de reducir este ano de 80 a 65 o número de aspirantes ás catro prazas en xogo para o cartel final do torneo internacional alevín nas dúas quendas da fase previa. A nivel deportivo, o portavoz do evento salienta: «Todos os partidos das eliminatorias se decidiron por un gol de diferenza ou a penaltis». E iso é porque, engade, «a previa foi facendo a súa marca de excelencia desde a súa primeira edición, no ano 2002», atraendo aos campos municipais da Senra de Ribadumia a grandes canteiras modestas do fútbol peninsular. E acompañando as caras dos seus futbolistas dunha ilusión que leva a Diz a valorar neste aspecto a previa mesmo por riba da fase final.
San Agustín e Río Ulla encabezan o último palmarés
A Vilagarcía Básket Cup Helena Mariño volveu contar na súa vixésimo novena edición coas cinco categorías de formación no seu calendario, que este ano se estirou dos tres aos catro días. Fiel ao seu espírito, as categorías de minibásket, a benxamín e a alevín, xogáronse sen marcadores. No resto, estes foron os campións: San Agustín (júnior masculino), Río Ulla (júnior feminino), Ponferrada (cadete masculino 2), Allariz (cadete masculino 1), Ponferrada (cadete feminino C/D), Piélagos (cadete feminino A/B), La Flecha (infantil masculino C/D), Blanco Amor (infantil masculino A/B), Compañía de María (infantil feminino 2), e Corbajosa (infantil feminino 1).
Premio ao Ourense CF, ED Val Miñor, Pabellón e Quirinal
Eran menos cos últimos anos, tras a decisión da organización do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 de reducir de 80 a 65 o número de equipos, pero lonxe de ver rebaixado o seu brillo, a fase previa ofreceu novamente un grandísimo nivel no camiño por desvelar os catro primeiros equipos da fase final. O Ourense CF e a ED Val Miñor fixéronse coas prazas en xogo na quenda do xoves e do venres da Semana Santa, mentres que o Pabellón Ourense e o Quirinal acapararon as dúas restantes no cadro da quenda da fin de semana. Os tres últimos ampliarán deste xeito o seu historial na fase final do torneo internacional alevín, no que en maio se estreará o Ourense CF.
Vilaxoán repite campión por primeira vez
Arrincaba a Ramiro Carregal Soccer Cup Sub-16 con tres dos catro campións das súas edicións anteriores entre os 29 aspirantes ao título. E finalmente, foi un deles, o Vitória de Guimarães portugués, o que se levou o gato á auga. Fíxoo superando na partido polo cetro no campo municipal de Vilaxoán o Leganés, defensor do título, por 2 goles a 0. O outro equipo luso no campionato, o Famalicao, e o Ural, a gran sorpresa do evento, quedaron ás portas da gran final. Edar Alarcón e Alejandro González, do Leganés, levaron os trofeos a mellor porteiro e ao máximo realizador, Aarón Silva o de mellor futbolista do torneo, e os seareiros do Fuenlabrada, o galardón á mellor afección.