A trixésimo primeira edición disputaráse este sábado en Fexdega
06 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Este sábado, o recinto feiral de Fexdega volverá ser, un ano máis, o escenario da celebración dos Xogos Special Olympics Galicia, a gran cita deportiva que cada ano organiza a entidade sen ánimo de lucro de familiares de persoas con discapacidade intelectual que traballa pola súa integración social. Entre outros medios, a través da práctica e da visibilización a través do deporte.
A partir das 11 da mañá, a trixésimo primeira edición dos xogos autonómicos de Special Olympics Galicia verán en acción a 132 deportistas vidos de toda a comunidade. A carón deles, 32 adestradores e todo o persoal voluntario, membros de organización e servizos de emerxencia, que sumarán preto 200 persoas.
Organizadores, patrocinadores e colaboradores presentaron onte ao mediodía a cita na casa consistorial de Vilagarcía de Arousa. Todos eles coincidiron en facer un chamamento á veciñanza a acudir a Fexdega. Para apoiar os deportistas, pero sobre todo, para comprobar de primeira man o poder da ilusión e do esforzo dun colectivo por gozar do deporte.
Tenis de mesa, bádminton, destreza en tenis e xogo da chave, as dúas últimas, probas recreativas, compoñen o programa de competición individual. Ademais, haberá unha competición adaptada baseada en probas motrices, coas seguintes disciplinas: desprazamento, tiro a portería con stick, recepción e pase de pelotas, e tiro de precisión, as catro, probas novas nos Xogos, xunto a estoutras xa clásicas: lanzamento a canastra, lanzamento de precisión, tiro a portería, raquetas e pelotas, equilibrio dinámico e desprazamento con diferentes apoios.
Un membro do equipo local, formado por usuarios da asociación Con Eles, será o encargado de ler o lema do torneo: «Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento».
O presidente de Con Eles, Ignacio Rey, e o seu homólogo de Special Olympics Galicia, participaron na presentación dos xogos xunto a representantes da Deputación, Javier Tourís, e da Xunta, Blanca García, e mais o alcalde de Vilagarcía. Alberto Varela salientou a colaboración entre as tres Administracións nunha demostración de que o entendemento é esencial para lograr unha sociedade mellor, e no caso das persoas con discapacidade, sendo ademais «unha cuestión de xustiza».