Dani Cornes bota unha ollada musical á migración co lanzamento de «Aquí sempre tes casa»

L.Castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

O artista forma parte da escena emerxente e presenta novo disco
O artista forma parte da escena emerxente e presenta novo disco

O artista grovense forma parte da escena emerxente galega

03 feb 2026 . Actualizado a las 13:07 h.

O músico grovense Dani Cornes estreará o vindeiro 27 de febreiro o seu novo disco Aquí sempre tes casa, un álbum cunha proposta intimista e moi coidada, na que explora cuestións vitais para o ser humano como o arraigo, a identidade e os vínculos afectivos.

O artista grovense, afincado en Barcelona, lanzou o pasado venres o seu terceiro sinxelo Non vos tedes que alarmar, un exercicio de intimidade contida no que explora a distancia que, confesa, naceu da pandemia, ao igual co resto de temas que compoñen este álbum. «Viña de rematar Comunicación Audiovisual, fixeramos unha curta que ía empezar a rodar por festivais, pero pechou todo», conta. «O disco vén dese momento, no que fun escribindo case un diario, unha guía para saber cómo transitar o futuro, escribín cancións pensando en emigrar», engade.

O álbum xorde dese momento vital cando un se fai adulto «nunha cidade que non é a túa», salienta. Pero fóra do significado en si mesmo que busca transmitir con esa paisaxe emocional pola que todas as persoas transitan algunha vez na vida, na melodía o disco mestura pop, rock e abraza desta volta elementos electrónicos, dende sintes ata outro tipo de gravacións que son mostra da súa evolución como artista.

Gravado en Garaxeland

Cabe subliñar que Aquí sempre tes casa é o seu primeiro álbum gravado en estudo, toda unha experiencia que define «como unha dinámica diferente á hora de pintar coa paleta sonora». Isto serviulle para meter acordeóns ou palabra falada en temas como Estepa. Por no falar das colaboracións que tivo neste novo disco, gravado en Garaxeland, en Santiago de Compostela, como a de Crnds, que firma a produción de todas as cancións do álbum. Nel tamén interveñen artistas como Paula Rego, de Agoraphobia, ou Gustavo Rey, de Mascada, que suman matices e profundidade á proposta.

Cornes sitúase a día de hoxe como un dos compositores emerxentes máis destacados da escena musical galega, cunha longa traxectoria que comezou a soar cando hai máis dunha década se deixou ver co famoso Rías Baixas Style, a pesar de que o seu primeiro disco autoeditado, Días rosas non veu a luz ata o 2018. Xa pisou escenarios importantes, teloneou a Dorian no 2022 na Festa do Albariño, e abriu unha das xornadas do Atlantic Fest no 2023. De seguro que este novo traballo que aborda a migración xeracional dende unha perspectiva contemporánea e honesta, e que chega pisando forte, fará que a súa música vibre en moitos circuítos. Polo de agora, xa comeza a pechar algunhas datas, para que sexa realidade.