Os Ingleses perde a imbatibilidade ante o CRAT (29-11) e toma nota de cara a segunda fase

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O técnico do conxunto vilagarcián, David Lema, pide aprender do tropezo

13 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegaban o CRAT e Os Ingleses RC á derradeira xornada da primeira fase da Liga de Primeira Galega de rugbi masculino coa mesma tarxeta impoluta de nove vitorias e nin unha soa derrota, co cadro vilagarcián por riba na táboa por un punto a maiores vía bonus. O duelo entre ambos os dous resultaba, pois, todo un acontecemento, do que saíu vitorioso o cadro que exerceu de anfitrión na Cidade Deportiva de La Torre da Coruña.

Con todo, o 29-11 final resultou enganoso. A lo menos así o considera o adestrador dos Ingleses. David Lema sinala que a balanza decantouse do lado local «por un par de escapadas do CRAT coas que conseguiu ensaiar». Pero, máis aló de detalles como un ensaio arousán anulado polo colexiado, sobre todo polos erros cometidos polo conxunto visitante. «Nunca vén ben perder, pero neste caso, a nós vennos ben para poñer os pés no chan, que temos rivais e que hai que mellorar cousas», di o técnico.

Neste punto, Lema sinala: «Cando ves de partidos sen unha dificultade tan grande, temos que saber xogar con máis calma á hora de tomar decisións». Como a de desbotar un tiro a paus fácil para perseguir un ensaio que non chegou na derradeira acción da primeira parte, e que de optar pola primeira acción, teríalle permitido a Os Ingleses ir ao descanso 11-9 e non 11-6.

Con todo, Lema felicítase dunha primeira fase practicamente perfecta do seu equipo. Agora xogará unha segunda fase, desde o día 25, co resto dos seis mellores equipos da primeira e o premio de levar consigo os puntos acadados coas súas nove vitorias.