Alba Tomé leva a súa novela «As humidades» ao seo do Culturgal este sábado

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

Xornaista e escritora, o seu traballo valeulle a calidade de finalista do premio Illa Nova de Galaxia

29 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A xornalista e escritora Alba Tomé estará presente este sábado en Culturgal, o grande escaparate da cultura galega que cada ano se desenvolve en Pontevedra. A vilagarciá participa ás cinco da tarde nun coloquio xunta Cynthia Menéndez e Ana Varela, no marco da Festa dos Clubs de Lectura. O encontro ten lugar na Sala VIP do recinto.

Finalista neste 2025 do premio Illa Nova, que a editorial Galaxia convoca dende o 2017 para escritores menores de 35 anos, Tomé abordará en detalle a súa novela As humidades. Trátase dunha autoficción ambientada nunha aldea inventada de Vilagarcía. O relato xira encol da violencia que domina a vida dunha familia, adoptando o punto de vista dunha nena. A propia autora explica que a política e o realismo máximo son os dous eixos que moven a súa obra de principio a fin. A previsión é que As humidades sexa publicada por Galaxia a comezos do 2026 coma finalista do galardón.