«Bibopalula» chega o 20 de decembro ao auditorio vilagarcián para achegar o teatro musical á cativada
AROUSA
A obra, pensada para nenos e nenas entre 2 e 6 anos, conta a historia dunha observadora de aves e amante da natureza en busca dun tesouro
05 dic 2025 . Actualizado a las 21:56 h.A cativada vilagarciá ten unha cita co teatro musical nas vésperas do Nadal, o 20 de decembro no auditorio municipal, para gozar do espectáculo Bibopalula, a cargo da produtora Ainé. Unha obra pensada para nenos e nenas de entre 2 e 6 anos de idade.
Bibopalula preséntanos a Ava, unha experta observadora de aves e amante da natureza e o bosque, curiosa e entusiasta, interpretada pola actriz Lidia Veiga, que promete contaxiar a súa enerxía e vitalidade aos espectadores. Xunto a Robin, Carpin, Pegui e Marli, que conforman a Banda do Bosque, embarcará nunha aventura que levará ao grupo a afrontar obstáculos e momentos emocionantes no seu percorrido polas fragas, na procura dun tesouro. Unha viaxe que será acompañada da música orixinal composta para esta obra: doce pezas entre as que destacan títulos coma O terremoto, As estrelas ou A Poza. A trama e presentación será aderezada cunha espectacular iluminación e efectos especiais que farán as ledicias dos máis pequenos, converténdoa, segundo a compañía, nunha experiencia teatral inédita en Galicia, que poderá coroarse con algunha sorpresa final para os asistentes.
A función comezará contra as cinco e media. As entradas poderán adquirirse por anticipado na páxina web de Ataquilla.com, con prezos segundo a zona dos asentos. 16 euros custarán os máis valiosos, 12 os seguintes, e 11 o resto, cantidades ás que deberán sumarse os gastos de xestión. En caso de non esgotarse as entradas, poderán mercarse tamén na billeteira física dúas horas antes do comezo da actuación.