Os socialistas levan ao Hórreo as obras do colector de Cabanelas

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Esixen á Xunta que «fiscalicen» a súa execución, toda vez que non lograron poñer fin aos vertidos no río Umia

12 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo do PSdeG no parlamento de Galicia denuncia os vertidos que se seguen a producir no tramo final do río Umia e que deberan ser resoltos a través do proxecto de mellora do colector de Cabanelas. Unha obra que rematou a comezos deste ano pero que, segundo os socialistas, non logrou cumprir o seu cometido.

A voceira de Medio Ambiente do grupo socialista, Paloma Castro, esixiu onte responsabilidades políticas polas «eivas» nunhas actuacións que consistían na mellora do sistema de bombeo do colector, co obxectivo de optimizar o funcionamento da depuradora de Ribadumia. Estas operacións supuxeron unha inversión de máis de 950.000 euros.

En opinión de Castro, e malia que as responsabilidades de saneamento corresponden ao Concello de Ribadumia, o goberno galego debería «levar a cabo o seguimento e control das políticas medioambientais dos concellos e fiscalizar a xestión que fai das obras executadas con investimento público».

Advertiu que a contaminación do río Umia e da ría «está a ter consecuencias ambientais, sociais e económicas de gran relevancia» e aproveitou a súa intervención para lembrar as sancións económicas impostas en materia ambiental ao Concello de Ribadumia polas condicións nas que se atopa o punto limpo.