A Volta a Galicia percorre hoxe media comarca do Salnés camiño de Caldas, e estes, os seus horarios
AROUSA
Os competidores pedalearán a través dos termos municipais de Vilanova, Meis, Ribadumia e Vilagarcía
12 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os 119 corredores que onte abriron a vixésimo terceira edición da Volta a Galicia para ciclistas elite e sub 23 na contrarreloxio individual de Ribadumia parten esta mañá ás 12.30 horas da rúa Real de Caldas de Reis na primeira etapa en liña da rolda galaica. Una xornada que volverá ofrecerlles aos afeccionados ao ciclismo e curiosos do Salnés a oportunidade de ver en acción ao groso das principais promesas do país no deporte das dúas rodas e a varios equipos punteiros da categoría previa ao gran pelotón do resto de España, máis o portugués Maia Earth e os italianos Campana Imballagi e Ciclistica Rostese.
Catro son os municipios do Salnés polos que pasarán os integrantes de Volta a Galicia elite e sub 23. Logo de pisar Cuntis, A Estrada, Campo Lameiro, San Andrés de Xeve e Verducido en Pontevedra, Barro e de novo Caldas, a previsión da organización, a cargo da Federación Galega de Ciclismo, é que o pelotón cruce por Vilanoviña ás 14.42 horas, continuando pola Goulla, Portarís e Mosteiro, e logo de chegar a San Salvador de Meis ás 15 horas, continuar por Barrantes e por Ponte Arnelas, seguir polo Sisto e por András e coroar ás 15.18 horas o alto de Lobeira. Ás 15.25 os corredores atravesarían as avenidas Agustín Romero, Rodrigo de Mendoza e As Carolinas para superar O Pousadoiro ás 15.30 e avanzar por Saiar cara a meta de Caldas. Todas as referencias parten do mellor dos horarios previstos pola organización.