Os Duráns programa sardiñas, polbo, moita música e talento local nas festas de San Pedro
AROUSA

O barrio de Vilagarcía abre un novo ciclo anual cun cartel ideado para maiores e pequenos
21 jun 2025 . Actualizado a las 09:47 h.Aínda que a sona a leve a noite de San Xoán, San Pedro tamén ten o seu lume, que en nada se diferenza do que alumeará o solpor do luns, non sendo pola data, xa que, no seu caso, a celebración lévase a cabo seis días máis tarde. A tradición en moitos lugares de Galicia manda tamén prender cachadas o 29 de xuño para escorrentar os malos espíritos e celebrar o domino do sol, a chegada do verán, das colleitas e de tantas cousas boas. En Vilagarcía non hai queixa polo que respecta ao mantemento deste feliz costume. A fin de semana que vén haberá festa no Pousadoiro e nas Carolinas, aínda que nestas liñas do que se trata é de relatar o traballo que está a facer a comisión dos Duráns para que, por segundo ano, o barrio teña unha conmemoración como se merece.
Dende que este equipo se puxo en marcha, nos Duráns sucedéronse catro grandes citas: o San Pedro do ano pasado, o Oktober Fest, o cocido popular no seu tempo e esta nova xeira de San Pedro, coa que se pecha —ou se abre, segundo se mire— un novo ciclo anual. As tres xornadas comezarán o venres, 27 de xuño, a partir das sete e media da tarde, cun festival fin de curso protagonizado pola academia Coda e un verbena popular que amenizarán Claxxon e Tic-Tac. Atención porque haberá sardiñada gratuíta para os asistentes.
O sábado arrincará de boa mañá cun pasarrúas a cargo de Froallo e a Charanga Mil9, sesión vermú con La Duendeneta, o seu bo polbeiro (pulpeiro, para que ninguén se despiste) e, xa no serán, obradoiros de Taekwondo e zumba por parte de Olimpic, baile moderno a cargo de Nydia Animación, e nova verbena con Los Lunes al Sol, Disco Euphoria,DJ MAtrex e Fran, o Freddie de Vilagarcía. Xa o domingo, alborada, concerto da Banda de Música ás doce, sesión vermú con Dieguiño, o sabroso polbeiro e festa infantil con Diverneno á tarde.