Juventud Cambados e Céltiga recollen o froito da mirada a longo prazo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Os novos veciños do Arousa na Tercera RFEF veñen de recoller o premio á aposta das súas directivas por dous adestradores que tiveron toda a confianza para construír con paciencia cadanseu proxecto

17 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Case que 30 anos, concretamente desde o final da tempada 1997/98, facía que o Juventud Cambados non lucía o cartel de equipo de Tercera División. Seis son os que levaba o Céltiga penando pola Preferente Galicia. Ata que o domingo os dous veciños completaban un longo camiño de volta, culminando con éxito a súa aposta cega por dous adestradores aos que, lonxe de esixirlles resultados inmediatos, deixaron facer. Traballando de vagar, Pénjamo e Luis Carro remataron a construción de dous proxectos gañadores aos ollos do fútbol galego.

Rubén Cornes, Pénjamo, é a pedra sobre a que se levantou o edificio que o vindeiro curso habitará o Juventud Cambados na súa ben gañada parcela na Tercera RFEF. De xogador de club, Pénjamo pasou a asumir a tarefa de completar o reflotamento dun histórico do fútbol do país que outro paisano e derradeiro adestrador da súa carreira de futbolista, Edu Charlín, comezara sacando o equipo do pozo da Segunda Galicia para devolvelo á Preferente. Son varios os veteranos daquela etapa de Edu Charlín os que inda vogaron esta campaña para axudar a levar a dorna do Juventud ata o porto soñado: Batallón, Pablo Baúlde e Pablo Barrio. Xunto a eles, a chegada de Tava, de Zalo ou de Francisco Álvarez, Deco, na primeira campaña de Pénjamo á fronte do vestiario de Burgáns iniciou a ensamblaxe do equipo que é hoxe o Cambados, mediante a suma progresiva, ano tras ano durante o último lustro, dun cadro de xogadores entregados á causa e convertidos nunha auténtica familia. 

«A primeira razón do noso ascenso é, inda que soe a tópico, o gran grupo humano. Este ano resultou fundamental. Cada ano fóronse cambiando 3-4 pezas, pero o núcleo, a familia, xa vén de atrás, da chegada de Pénjamo», contaba onte un máis ca feliz Deco. Xogador do Juventud Cambados, o equipo do seu pobo, desde infantil agás un par de anos na súa etapa de formación e outros tantos no Dena, o central, líder indiscutible da zaga amarela e que este ano tan só se perdeu dous partidos, fala de «un día soñado» o domingo no campo do Beluso tras a vitoria a penaltis na eliminatoria decisiva. El, que arrimara o ombreiro para sacar o equipo da Segunda Galicia, que seguira ao seu excompañeiro de batallas, Pénjamo, volvendo de dous anos de retiro para axudalo na súa primeira aventura como adestrador nun club afundido económica, pero sobre todo, socialmente, inclúe nese «gran grupo humano» clave no ascenso a «un corpo técnico marabilloso, a directiva, que desde que se puxeron ao cargo —tres anos atrás—, todo cambiou para moi ben; e a afección». Desta última, di Deco tras subliñar os moitos anos que leva no club, «nunca vin tal cousa. Houbo un grupo de rapaces da base que nos animaron desde o primeiro día. E neste último mes, desde a final da Copa Deputación, o pobo enganchouse dunha maneira extraordinaria, cun milleiro de persoas apoiándonos os dous últimos partidos». Unha forma perfecta de dicir adeus. «Despois do vivido esta temporada, o fútbol deume todo o bonito que me podía dar», declaraba onte Francisco.

A confianza foi tamén o segredo a voces do éxito do Céltiga. Como o Juventud Cambados con Pénjamo, a directiva do club da Illa de Arousa apostou pola paciencia para conseguir volver á Tercera RFEF cun equipo de autor. No seu caso, coa sinatura de Luis Carro. Logo da tempada interrompida polo covid-19, da decisión do club de non competir na seguinte, a 2020/21, inda no máis duro da pandemia do coronavirus, e tras un curso co cambadés Edu Charlín á fronte do vestiario, o adestrador vilanovés asumiu o reto dun club que coñecía á perfección no seu rol de director deportivo da canteira había ben pouco.

Luis Carro conservou trece futbolistas do anterior proxecto. Deles, sete celebraron o pasado domingo o salto á Tercera RFEF xunto a outros catro compañeiros que chegaran ao equipo illense no primeiro exercicio do vilanovés no Céltiga. Once pezas fixas ás que foi sumándolles reforzos de gran nivel nas dúas últimas campañas. Ata o punto de que xa na anterior eran maioría no mundiño da Preferente os que daban o cadro arousán coma favorito para subir. Tivo varias oportunidades para poder facelo coma segundo clasificado, pero desperdiciounas. Con todo, mesmo coa profunda ferida de ver voar o ascenso na derradeira xornada precisando tan só derrotar a un Ribadumia xa descendido, para rematar perdendo ante o veciño, a directiva volveu apostar por Luis Carro. Con José Ricardo Dios, Harry, cambiando a función de delegado do equipo pola de presidente, os responsables do club sabían que o Céltiga estaba nas mans correctas. Máis pequenos retoques, pero de primeiro nivel, con Manu Táboas e con Santi Figueroa chegando do Arousa, e o suflé acabou de callar.