
Os nacionalistas fixeron fincapé na importancia de exercer presión para que este elemento patrimonial, xunto co resto do conxunto histórico da illa, non se perdan
15 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O BNG do Grove conseguiu encher o pasado venres a Galería Besada grazas a unha charla que protagonizou o arquitecto Jose Luis Paulos, quen expuxo aos presentes a súa tese de doutoramento sobre o inmoble do Gran Hotel de A Toxa, que avala a petición de BIC para o edificio. Ao seu lado, o voceiro local, Anselmo Noia e a deputada Montse Prado, fixeron fincapé na importancia de exercer presión para que este elemento patrimonial, xunto co resto do conxunto histórico da illa, que inclúe a capela de San Caralampio, o antigo balneario, os restos da fábrica de xabóns, ou os chalés rexionalistas, non se perdan.
Os nacionalistas espertaron o interese do público, que puido comprobar de primeira man que o edificio, malia as reformas feitas non anos corenta do século pasado, mantén intacta a súa estrutura. Nin o arquitecto, que ademais forma parte do Centro Cultural Vázquez Gulías, nin os integrantes do BNG, entenden como coas probas existentes, se ten dado luz verde a unha rebaixa da protección patrimonial por parte da Xunta de Galicia. O público asistente atendeu sen perder ollo, aos documentos presentados por Paulos e á memoria que os Vázquez Gulías presentaron ante Patrimonio, da que tamén dispón o Concello, e que está ao dispor de quen queira lela. O BNG seguirá exercendo presión sobre a Xunta para que se aumente a protección deste ben e anuncia máis actos para non deixar de poñer o foco no conxunto histórico da illa.