O Sigaltec CLB xogará polo ascenso co Universidad de Valladolid e co Ardoi
AROUSA

O adestrador do equipo vilagarcián, Luis Gabín, salienta o labor do base do Rosalía na final do domingo e o grande apoio que a afección lle deu ao seu equipo
27 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Co equipo, a directiva e a afección do Sigaltec CLB inda onte de duelo tras ver voar a opción do ascenso directo á Tercera FEB no Pavillón Sara Gómez, o conxunto que adestra Luis Gabín comezaba onte a preparar o segundo asalto en pos do regreso do baloncesto vilagarcián á antiga EBA 16 anos despois. Como? Disputando dous últimos partidos en Valladolid cos segundos clasificados de Euskadi-Navarra e de Castela-León, con dous últimos pasaportes á gloria en xogo.
Pendente de coñecer os horarios, o Sigaltec CLB sabe xa que xogará o sábado, contra o Ardoi un día despois do duelo deste co conxunto anfitrión, e o domingo diante do Universidad de Valladolid. Un formato que pode facer do conxunto arousán equipo de Tercera FEB o propio sábado cunha única vitoria se o Ardoi vén de perder na xornada inaugural da fase de repesca, ou converter o duelo dominical nunha auténtica final de saír o cadro navarro da capital castelán-leonesa con dúas vitorias.
Luis Gabín contaba onte que o Universidad de Valladolid chega en idénticas circunstancias ao seu equipo. Logo de gañar a fase regular, a pasada fin de semana quedou sen o premio do ascenso. No seu caso, nunha final a catro en formato liguiña, non de semifinais e final, prexudicado nun triplo empate e tras perder o primeiro encontro despois de dúas prórrogas. O Ardoi, pola contra, chega co ánimo ben alto, toda vez que a fase final da fin de semana pasada na que participou non poñía unha praza de ascenso directa en xogo, senón o pase ao triangular vallisoletano.
Sobre a derrota na final do Sara Gómez contra o Ulla Oil Rosalía, 58-68, Luis Gabín, visiblemente afectado aínda, salientou que a fase «foi un éxito rotundo a nivel social e de club, cun pavillón practicamente cheo» para apoiar ao Sigaltec CLB. No deportivo, pola contra, e tras subliñar a enorme igualdade entre os catro aspirantes ao ascenso directo, Gabín di: «Xogamos 13 minutos a unha cousa, desfrutando moitísimo, e 27 minutos a outra, nos que Rosalía colapsou o noso ataque e o seu base, Iago Fernández, desquiciounos impoñendo un ritmo lento cun traballo extraordinario».