Roupa, mobles, xoguetes e libros para os amantes do «vintage», o día 17 en Vilagarcía
AROUSA

VilaBela, o primeiro gran mercado deste tipo na capital arousá, hase desenvolver na praza da Verdura
10 may 2025 . Actualizado a las 21:18 h.A praza da Verdura de Vilagarcía acollerá o sábado 17 de maio o primeiro gran mercado vintage de Vilagarcía, o VilaBela Market, que contará con ata 85 postos. Neste espazo venderase dende roupa, ata mobles, pasando por libros ou xoguetes. «Estamos moi sorprendidas porque o espazo quedóusenos pequeno en cuestión de días e contamos cunha lista de agarda de máis de vinte persoas. Os postos son maioritariamente de persoas de Vilagarcía, aínda que tamén temos algún que outro de fóra do concello», segundo explicou unha das organizadoras do VilaBela Market., Verónica Carril.
O espazo estará aberto desde as 11 horas ata ás nove da noite, con entrada libre e haberá actuacións musicais; pola mañá actuará o grupo vilagarcián Introcover e a partir das seis da tarde, DJ Xulio.
Carácter solidario
VilaBela Market tamén ten carácter solidario. Catro oenegués contarán con posto propio e de maiores dimensións que os demais, co obxectivo de recadar cartos e dar a coñecer a súa acción social. Son a Fundación Andrea de Santiago de Compostela, a protectora de animais de Vilagarcía, a Fundación Amigos de Galicia e a AGL (Asociación Galega de Linfedema).
«Esperamos que teña unha moi boa acollida, porque é unha proposta valente que deixa unha mensaxe moi importante sobre como queremos que sexa a nosa sociedade o día de mañá: ecolóxica e solidaria», indicou o concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Carou. «É un proxecto que casa perfectamente coa filosofía do noso Concello, promove os obxectivos de Desenvolvemento Sostible e busca darlle unha segunda vida aos obxectos», apuntou Carou durante a presentación do evento celebrado este venres en Ravella.
Con VilaBela Market, Vilagarcía súmase a unha tendencia que está afianzándose en moitas vilas de Galicia: fomentar o consumo de produtos de segunda man, co cal se consegue aforrar e coidar o medio ambiente.