Abeluria Sociedade Cooperativa dirixe unha sesión que busca fomentar as competencias emprendedoras entre los estudiantes
12 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O IES Monte da Vila, de O Grove, acolle este mércores 13 de novembro unha xornada de emprendemento orientada ao alumnado de Formación Profesional do centro, a cargo de Abeluria Sociedade Cooperativa. Trátase dun encontro que leva por nome Emprender sen medo: estratexias para non perderse polo camiño. A actividade comezará ás nove da mañá cunha benvida e un escape room que dará paso a unha charla, a partir das once, para compartir experiencias con integrantes do proxecto Skeirrum — ofrece iniciativas de diversión e aprendizaxe a partir de escape rooms personalizados— e do colectivo local de artesáns e deseñadores Grovemakers, un faladoiro no que resolver dúbidas sobre o proceso e as dificultades á hora de arrancar os seus propios proxectos e a opción de facelo de xeito comunitario. A continuación, sobre as doce, desenvolverase un obradoiro de Desing thinking, que leva por título Imaxina, crea e resolve.
O obxectivo, segundo conta a organización, é fomentar as competencias emprendedoras entre os estudantes para ao seu través motivalos a que teñan unha mentalidade innovadora e proactiva. O que pretenden, en resumo, é traballar a creatividade e a resolución de problemas en equipo, e poñer enriba da mesa o traballo por conta propia como unha opción máis de cara ao seu futuro profesional se teñen unha proposta que levar a cabo.
Dende Abeluria Sociedade Cooperativa animan ao alumnado a participar desta xornada, que ofrecerá ferramentas útiles neste senso, xa que consideran a opción do emprendemento como unha figura totalmente válida para desenvolverse profesionalmente.