Barafunda Teatro ou Inventi Teatro son algunhas das compañías que participan no novo programa
07 nov 2024 . Actualizado a las 15:31 h.A actividade cultural dirixida ao público infantil continúa ao longo deste mes de novembro no Grove grazas á oferta de tres interesantes espectáculos, cuxo obxectivo é fomentar a lectura e inculcarlles o gusto polo teatro aos máis cativos da casa. Trátase dunha programación dirixida ao alumnado de Infantil, tal e como se levan facendo nestes últimos anos.
A primeira cita correrá a cargo de Barafunda Teatro na Casa da Cultura, onde a compañía representará O censor de monstros. Uns días máis tarde, o mércores 20, será a quenda da función de A libraría máxica, da man de Inventi Teatro, unha divertida peza que rende homenaxe ás tendas de barrio, con dous simpáticos libreiros cuxa intención é achegarlles o amor pola literatura e pola lingua galega aos espectadores.
A finais de mes, as funcións darán o salto ás butacas do auditorio municipal. Alí os pequenos estudantes poderán gozar dunha grande obra de monicreques, Os bolechas tocan nunha grande orquestra, enmarcada dentro do programa Falaredes 2024 da Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Será unha función dirixida a un público de entre 4 e 9 anos que combina teatro e música sobre as táboas grazas ás divertidas ocorrencias dos populares personaxes creados por Pepe Carreiro. Todas as obras terán lugar no mesmo horario, ás once da mañá.
Ademais, os bibliotecarios municipais proseguirán co seu labor de visita aos centros educativos da localidade meca para animar os seus alumnos á lectura e viceversa, pois tamén os pequenos farán visita á rede de bibliotecas municipais do Grove para descubrir de primeira man o seu funcionamento e animalos a facer uso do servizo de préstamo que nelas se oferta. Estas xornadas irán sempre acompañadas de obradoiros ou contos, coa pretensión de crear interese nos cativos sobre a importancia da lectura no seu día a día.