O Asmubal queda sen un triunfo e o liderado pola retirada do Tenerife

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O club meañés dá por perdidos os case 3.000 euros da viaxe aló

18 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Asmubal Meaño comezaba o 21 de setembro o seu espectacular inicio de temporada, que lle valeu lucir ata esta semana o liderado do Grupo A da División de Honor Plata Femenina. Na cancha do Balonmano Santa Cruz de Tenerife, as de Juan Costas gañaban cun contundente 23-38. Este mércores, na súa reunión semanal, o Comité Nacional de Competición da Real Federación Española de Balonmano declarou a retirada do equipo canario da competición con data 11 de outubro, un día antes do partido que o debería ter enfrontado ao Cañiza en Galicia pero no que non compareceu.

Cualificada de «infracción muy grave», Competición castiga o Club Balonmano Salud Tenerife, matriz do equipo, coa prohibición de participar en ningunha competición estatal ata transcorridas un mínimo de dúas temporadas oficiais completas desde que finalice a presente e cunha multa de 3.000 euros, impoñéndolle ademais «la obligación de abonar el importe de los gastos, daños y perjuicios que sean objeto de reclamación por parte de otros equipos participantes en el Grupo A de la DHPF que se vean afectados por la decisión de retirada de la competición». Medidas que o comité federativo acompaña da cancelación da totalidade dos partidos do calendario do Santa Cruz de Tenerife, tanto os que tiña por diante como os que xa disputara.

O fallo de Competición prexudica dobremente ao Asmubal. De maneira circunstancial, privándoo do liderado, por canto é un dos tres únicos equipos que se medira ao cadro canario. Deste xeito, as de Costas ven reducidos os seus puntos de 8 a 6, dous menos cos dun BM Gijón que figura agora coma líder en solitario, se ben cun partido máis que equilibrará cando por calendario lle tocase xogar co conxunto tinerfeño. Por outro lado, o Asmubal foi o único equipo da Liga que tivo que voar para xogar na cancha do conxunto retirado o que, sinala a súa presidenta, Silvia Lobato, lle supuxo un gasto de case 3.000 euros, descontada a axuda do fondo de compensación da RFEBM para desprazamentos ás illas. Lobato dá practicamente por perdido este diñeiro, que se lle tería que reclamar directamente ao Tenerife, e non entende que se lle permitira saír a xogar cando xa desvirtuara a competición a temporada pasada con incomparecencias e debéndolle diñeiro á Federación.