Da falsa Paisaxe Lingüística

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

OCHOA

Na carpa da Festa do Marisco o castelán é o idioma destacado, cun «Bienvenidos» resaltado en rechamante vermello

13 oct 2024 . Actualizado a las 09:45 h.

Diversos estudos sobre a publicidade en lingua galega constatan que o 80% da poboación está a favor de que se empregue o noso idioma nela. E o 75% dos consumidores prefiren seren atendidos en galego. Estas cifras medias son aceptadas nos diversos estratos sociais de xeito homoxéneo, aínda que se incrementan nas persoas con estudos, nos menores de 50 anos e entre a clase media. (cfr. Ramallo e Rei-Doval, Publicidade e Lingua Galega. Os consumidores ante o uso do galego na Comunicación publicitaria e nas relacións comerciais, Univ. Wisconsin). Ademais, é opinión xeneralizada que a denominación, etiquetaxe e publicidade en galego dos produtos propios danlles máis prestixio e sensación de autenticidade. Con esa realidade resulta asombroso que a inmensa maioría dos rótulos comerciais e publicidade deses xéneros aparezan en castelán. É como guindar pedras contra o propio tellado; e non se entende porque semella que establecementos e produtos denominados en castelán estean a dicir que non son xenuínos, que valen menos, en contraste coa autenticidade que se deriva do uso do galego, que, polo tanto, dá un plus de atractivo.

Desde o ano 1997 vense analizando a presenza escrita das linguas nos espazos públicos como unha maneira de cuantificar a súa saúde e contribuír á explicación das razóns que levan ao uso dunha lingua en lugar doutra. Esa constatación faise a través da análise da denominada Paisaxe Lingüística. Non é cousa só de Galicia porque o habitual polo mundo adiante é o multilingüísmo. Neste planeta hai cinco mil linguas e só uns poucos Estados son monolingües. En España unha persoa de cada seis fala normalmente outro idioma diferente do castelán —sen mencionar a facilidade de comprensión por seren romances, salvo o euskera— e, por poñer, en Suíza conviven catro oficiais: alemán, francés, italiano, romanche, e os seus dialectos, incluso con cantóns trilingües.

Resulta claro que á hora de rotular evidéncianse xuízos de valor sobre a lingua e utilízase aquel idioma que se considera máis elevado, da boa sociedade, ou propio do poder, sen pensar no mérito da diferenciación. É evidente que unha maior presenza do galego no comercio axudaría a incrementar a tendencia e respecto ao uso desa lingua; un xeito de normalizar desde os sectores privados que non se está a cumprir e que tampouco é fomentado desde as Administracións.

Como sinala Miguel López Docampo, Cadernos de Lingua, 33 (2011): «O mundo do século XXI é plurilingüe e a idea de un Estado, unha lingua quedou completamente obsoleta, sendo substituída pola de convivencia e interacción de distintas linguas nun mesmo espazo». A Paisaxe Lingüística defínese como «A lingua que se usa nas sinais de tráfico, rótulos comerciais, cartelaría de publicidade, denominacións de rúas e prazas ou letreiros en edificios públicos». Observar a contorna e ver o idioma utilizado maioritariamente permite deducir os valores e xerarquías, incluso ideolóxicas, referidos ao uso da lingua e sirve como medición da situación. No noso caso o galego hoxe en día resulta, sen ningunha dúbida, secundario, a veces folclórico, a pesar da constatación de que a poboación en xeral prefíreo, como sinalamos ao empezar esta columna.

Hoxe remata a multitudinaria Festa do Marisco no Grove. Unha simple camiñada polo Paseo de Beiramar e O Corgo para ver a Paisaxe Lingüística permite constatar a utilización principal do castelán, cando estamos diante dunha celebración e dunha zona na que, por unha banda, preténdese reivindicar o auténtico, o marisco galego, e por outra é un espazo onde conflúe o turismo que, sen dúbida, aprecia culturas e ambientes diferenciados porque a iso vén. Ese recorrido por Beiramar para ollar rótulos comerciais, anuncios, cartas e demais sinalización, deixa ver a absoluta preponderancia asfixiante do castelán. O mesmo que en toda Galicia.

A portada do recinto da Festa do Marisco —a pesar de ser a LXI Edición, aínda terá que seguir a celebrarse baixo toldos?— é definitoria: O idioma destacado é o castelán cun Bienvenidos resaltado en rechamante vermello e cun Benvido, en letras máis pequenas e mesturado con outros dez idiomas alleos. Non se pode argumentar que os visitantes non entenderían Benvidos, non sendo que se queira tomalos por parvos. É unha mostra máis de que na Paisaxe Lingüística arrasa o castelán. Precísase fomentar a adaptación cara á autenticidade.