Cunha defensa extraordinaria, endosoulle un 34-24 ao Getasur
01 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Inelsa Solar Asmubal Meaño deixou de ser o pasado sábado un líder anecdótico. O conxunto que dirixe Juan Manuel Costas sumou ao seu triunfo por esmagamento a semana anterior na xornada inaugural da Liga de División de Honor Plata Femenina, 23-38 ante o Balonmano Santa Cruz de Tenerife, unha nova vitoria desaforada. Desta volta, ademais, co valor engadido que achega a calidade do rival, un Balonmano Getasur que parte como un dos firmes candidatos á pelexa polo título do grupo, e ao que lle baixou a moral cun 34-24, cunha renda máxima do cadro local que se chegou a ir ata os trece goles de diferenza.
O partido, disputado o pasado sábado no Pavillón Coirón Dena, discorreu polos cauces da igualdade durante dez minutos, e por unha curta iniciativa no marcador das de Costas ata que nos derradeiros cinco minutos previos ao descanso, o traballo de zapa defensiva realizado polo Asmubal, con Guadalupe Larralde na portería e con Cárol Ferreira e Vanesa Domínguez no centro da 6-0, acabou de colapsar o ataque do Getasur.
O cadro madrileño non atopou solucións tras o descanso, disparándose o marcador a prol do conxunto local, con Cárol Ferreira, Laura Miniño, cada unha con 9 goles, e con Eli Méndez, con 8, desatadas en ataque, e con Nadia Vázquez sumándose, con dúas paradas en lanzamentos de sete metros, ao bo facer de Larralde na portería arousá. «As nosas xogadoras importantes estiveron de matrícula de honra», declara o adestrador do Asmubal.
Á pregunta de como valora o liderado tras as dúas primeiras xornadas, Silvia Lobato, presidenta do club, di que prefire ser moi cauta. Dito isto, declara: «O equipo encaixou moi ben e está traballando moito. Creo que vai ser unha boa temporada se nos acompaña a sorte de non ter lesións».
FICHA DO PARTIDO:
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (34): Guadalupe Larralde, Danilza Liranzo (1), Sofía Arangio (2), Cárol Ferreira (9), María Currás, Andrea Cores (2), Agustina Ballada, Nadia Vázquez, Eli Méndez (8), Laura Miniño (9), Paula Rey (2), Luna Otero, Vanesa Domínguez e Shaila Fernández (1).
BALONMANO GETASUR (24): Eva Aranda, Irene Peña (3), Ana Gallego (5), María Abellán (2), Beatriz Castilla (3), Viña, Ayuso, Laura Díaz (3), Patricia Caballero (1), Virginia Jiménez (5), Lucio, Cazan, Andrea León (2) e Elena Navarro.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 4-3, 6-6, 8-7, 10-8, 14-11, 20-13 (descanso); 24-14, 27-15, 27-16, 31-18, 33-20 e 34-24.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Marta González e Silvia Vázquez. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Miniño (min 2.08 e 48.50), Ferreira (44.26) e Arangio (55.45) e as visitantes Peña (15.03), Castilla (29.40), María Abellán (38.59) e Aranda (53).