Xacobe Pérez: «As terapias con burros deberían estar prescritas pola seguridade social»

Bea Costa
Bea Costa VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

Xacobe Pérez na Carreira de burras de Vilanova
Xacobe Pérez na Carreira de burras de Vilanova MONICA IRAGO

A asociación para a Protección do Burro Fariñeiro pide políticas que defendan esta raza polo seu valor etnográfico a conta da carreira celebrada onte en San Miguel

03 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xacobe Pérez vai camiño de converterse nun clásico na Carreira de burras de San Roque do Monte (Vilanova). Acode pola súa dobre condición de presentador do evento e por ser o presidente da Asociación para a Protección e Defensa Medioambiental do Burro Fariñeiro de Galicia (ABUFA). Onte, desde o palco volveu animar o cotarro co seu bo humor e ocorrencias; antes da festa e cos pés no chan, Pérez reivindicou ao fariñeiro como unha raza autóctona de Galicia, pola que hai que loitar para que non se perda. «Porque, canto custa perder unha raza?, se ocorre, lamentarémonos», indica.

A pesares de haber unha asociación dedicada a este animal, non existe ningún censo sobre o número de exemplares que hai en Galicia, polo menos a ABUFA non lles consta e desde a Xunta tampouco estaban onte en disposición de dar o dato, o cal, segundo a asociación, demostra o desleixamento que existe respecto a esta cuestión. Do que non hai dúbida é de que hai poucos exemplares, algúns dos cales puideron verse na carreira celebrada en San Roque do Monte, a gran maioría (7) propiedade dun único criador de Pontecesures.

Non quedan burros porque xa non son útiles no campo. Coa mecanización do agro deixaron de ser necesarios para transportar o grao e o cereal aos muíños —de aí o seu nome— e para coller o argazo da praia para aboar os campos, entre outras tarefas. Pero iso non quere dicir que non sexan importantes nin que non poidan seguir dando un servizo. Xacobe Pérez apunta dúas vías: a económica e a social. «As terapias con burros deberían estar prescritas pola seguridade social. Son animais de compañía e está demostrado que son moi beneficiosos porque crean unha conexión extrasensorial coas persoas».

Refírese, sobre todo, aos maiores e nenos que padecen trastornos cerebrais e neurolóxicos que poderían atopar no contacto cos burros un beneficio para a súa saúde. «Son un aliciente de vida e é moito máis doado manexalos ca os cabalos». En canto ao aproveitamento económico, se ben é certo que estes equinos xa non resultan rendibles nin viables como medio de transporte, si poden servir para a produción de leite e outros produtos, seguindo o exemplo do burro zamorano-leonés, abunda Xacobe Pérez. Actualmente, os burros tamén teñen mercado como mascotas e para manter limpas as fincas de malas herbas.

Pero, independentemente e por riba do seu aproveitamento, o fariñeiro ten un valor etnográfico e gandeiro que paga a pena conservar, insisten desde a asociación. Para elo, o primeiro paso tería que ser o «recoñecemento do seu estándar racial» porque, doutro xeito, é como se non existira, e o que non existe non entra nas políticas de protección para os animais en situación vulnerable. ABUFA fixo hai anos xestións neste sentido e do asunto chegouse a falar en sede parlamentaria a instancias do BNG, pero quedou no caixón. «O problema é a ignorancia ante o descoñecemento», di o presidente quen anuncia algún tipo de iniciativa para retomar o tema. Mentres tanto, son uns cantos criadores e festas como a de Vilanova as que manteñen vivos aos burros e burras fariñeiros, aínda que na carreira de onte, a maioría eran cruces.

Prohibido pinchar e golpear aos animais: «Non sofren, sofren se se esquecen deles»

A Carreira de burras arrastra unha tradición de máis dun século e vén de cando os rapaces que regresaban á casa de recoller os animais na eira retábanse para ver quen era o máis rápido en chegar. Aquel xogo acabou porque os burros foron desaparecendo e os mozos atoparon outras maneiras de divertirse, pero os veciños de San Miguel pensaron que estes equinos deberían seguir correndo e así foi como acabaron converténdose nun clásico das festas da parroquia que atrae a centos de persoas cada ano arredor da capela de San Roque.

A carreira, que en realidade son dúas porque faise nas categorías de monturas masculina e feminina, tamén conta cos seus detractores, os que consideran que esta actividade supón un maltrato para os animais. Hai 25 anos, os xinetes aínda empregaban pinchos no calzado e fustas, pero aquela penosa estampa quedou atrás e hoxe non só están prohibidos senón que se vela polo benestar dos animais, incluso no seu transporte, asegura Xacobe Pérez.

Para quen pensa que, a pesares destas cautelas, os animais padecen debido ao estrés que lles pode provocar o ruído e a multitude, Pérez resposta de xeito contundente: «Primeiro que veña a velo e que se documente. A maior expresión dun burro é poder correr. Non sofren, sofren máis se se esquecen deles».

Exemplares que custan arredor de 500 euros e viven uns 30 anos

Xa non quedan burros nas casas e nas fincas, así que a carreira de San Roque do Monte é posible grazas á colaboración de persoas como Juan Jamardo, que conta cun criadeiro en Pontecesures con 23 exemplares, a gran maioría cruces Sete deles viaxaron onte pola PO-548 para participar na festa, dos cales Platero e Bombón repetían experiencia.

Jamardo dedícase a esta actividade desde hai dúas décadas. Faino por afección e como negocio, explica, e é que cada vez hai máis xente que descobre que son tan útiles como as máquinas á hora de manter limpas as leiras.Tamén hai quen os compra como mascota e animal de compañía. O seu prezo rolda os 500 euros de media e a súa esperanza de vida é duns trinta anos, segundo informa o empresario.