Manuel Fontán, pentamedallista internacional no 2024: «O obxectivo está claro: clasificarme para os Xogos de Los Ángeles 2028»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O canoísta vilanoés do Náutico O Muíño vén de pechar a mellor temporada da súa carreira, converténdose nun dos grandes nomes do piragüismo español deste ano

01 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Campión de Europa e subcampión do mundo sub 23 de C2 500, barco olímpico, co pontevedrés Martín Jácome de compañeiro; campión do mundo da mesma categoría no C2 1.000 cun Pablo Crespo que só dúas semanas despois remataría cuarto na final B da canoa individual nos Xogos Olímpicos de París; bronce no C2 200 do Europeo Absoluto co poiense e compañeiro no Náutico O Muíño de Ribadumia Adrián Sieiro; e hai hoxe sete días, bronce no novidoso C4 500 Mixto do Campionato do Mundo Absoluto de Esprint en distancias non olímpicas. Manuel Fontán Señoráns (Vilanova de Arousa, 14 de abril do 2001) é un dos nomes propios do piragüismo español nesta temporada. Mesmo poderíase dicir que o gran nome propio á marxe dos padexeiros que acudiron á gran cita na capital de Francia.

«É a mellor temporada da miña carreira deportiva en canto a resultados», di o arousán a modo notarial e sen o menor rastro de fachenda. Un ano que comezou revirado, por canto «o meu obxectivo principal era clasificarme para os Xogos no C2 500 con Adrián Sieiro». Unha decepción, segundos no selectivo que lles acabaría servindo ao breoganista Diego Domínguez e ao balear Joan Antoni Moreno como punto de partida cara ao seu bronce na pista gala de Vaires-sur-Marne. «Pero conseguimos remontar o ano», di Fontán. E de que maneira.

«Sabía que se non nos clasificabamos para os Xogos, na categoría sub 23 ía ter moitas opcións polo noso rendemento», conta o arousán. E aí están os seus dous títulos europeo e mundial sub 23 e a súa brillante traxectoria na canoa dobre olímpica, co ouro continental e coa prata no Campionato do Mundo da categoría que precede o salto definitivo ao piragüismo sénior e da que Manuel se despide neste 2024. Con todo, o canoísta confesa que «na categoría absoluta non esperaba esas dúas medallas —os bronces europeo no C2 200 e mundial no C4 500 Mixto—».

A que atribúe os seus resultados? «Principalmente», refire Fontán, «a Daniel Costa», Melo, o seu adestrador no grupo nacional de canoa que o tudense dirixe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, «sen esquecer o meu club, que nos apoia en todo o que precisamos a nivel material». Sobre a súa contribución, di, «eu poño o esforzo e a dedicación, a constancia de estar todo o ano adestrando; e iso dá os seus froitos».

Ata dentro dun par de semanas Fontán non volverá falar con Costa. Será entón cando comecen a planificar o vindeiro ciclo olímpico. Mais o vilanovés non ten nada que pensar sobre o fondo da cuestión: «O obxectivo está claro, clasificarme para os seguintes Xogos», Los Ángeles 2028. E inda que non descarta o C1 1.000, no que tamén foi este ano segundo no clasificatorio para o Preolímpico, a intención do padexeiro do Muíño é volver apostar polo C2 500, porque, salienta, o nivel que hai en España retroalimenta os seus deportistas, como probou o bronce en París de Domínguez e Moreno.

Pero antes de regresar á dura rutina en outubro, Manuel daráse un pequeno capricho coas súas irmás Laura e Alicia, partindo hoxe a unha viaxe de cinco días por Marrocos.

Canoísta desde o terceiro día de chegar ao club atraído pola figura de David Maquieira

Manuel Fontán comezou no piragüismo en idade infantil, con 10 ou 11 anos. Unha veciña quería levar o seu fillo a probar no Náutico O Muíño de Ribadumia e os seus pais embarcárono a el tamén. Tres días levaba no club cando o seu director deportivo, José Manuel Vázquez, o Ruso, lle propuxo probar na canoa. Fíxoo, e encantado. «Eu», di «vía adestrar a David Maquieira», un dos primeiros internacionais e grandes talentos da factoría do Muíño, «vía os seus resultados e chamábame a atención o paleo da canoa, parecíame máis interesante có do caiac». 

Fontán atopou en Maquieira, que fora subcampión europeo júnior no C2 500, un referente: «Quixen conseguir algún resultado coma el, e ao final, cheguei aquí», declara, consciente de ter ido moito máis aló do que o pioneiro do Muíño foi quen antes da súa prematura retirada a comezos da década pasada, canso de padexar sen axudas no medio da gran crise.