Valga renova o seu compromiso coa anguía e a caña, dous produtos cun marcado sabor propio
AROUSA
Con invitados de Estonia, Letonia e Tarragona, a vila celebrou a xornada central dunha festa gastronómica que xa é un referente nas Rías Baixas
01 sep 2024 . Actualizado a las 11:13 h.Exercendo como anfritrións das embaixadas dos pobos irmáns de Valga (Estonia), Valka (Letonia) e Prat de Comte (Tarragona), os veciños de Valga celebraron onte os actos centrais da Festa da Anguía e da Mostra da Caña do País, unha cita de interese turístico galego que se ten convertido, así o sinalou o presidente da Deputación, «nunha das citas de maior tradición do verán nas Rías Baixas».
A xornada grande da celebración arrincou ás cinco da tarde cunha tradicional demostración de destilado de caña. Este producto foi obxecto dun concurso das mellores elaboracións do ano, certame gañado na modalidade de branca por Francisco Manuel Santiago Figueira; na de herbas por José Manuel Rodríguez Cerneira e na tostada por Jorge Rodríguez Blanco. A caña ía ser tamén a protagonista de varios combinados que se ían servir á noitiña, durante o certame-degustación.
Para acompañar, a anguía. Este peixe foi o protagonista dun certame de tapas que gañou a proposta do bar Pontellón, que conseguíu o respaldo tanto do xurado coma do público. A cafetería do auditorio e o bar Maneiro completaron o podio. Na degustación podíanse elixir cinco petiscos diferentes que tiñan este producto como protagonista absoluto.