Turismo, prexuízos e o verdadeiro desafío da convivencia
AROUSA
«O que realmente deberiamos buscar é un turista máis informado e responsable, porque esa é a verdadeira calidade, e quen traballa no sector agradéceo», reflexiona o autor
18 ago 2024 . Actualizado a las 11:27 h.O peche temporal dun restaurante galego, provocado pola suposta actitude prepotente dalgúns turistas «mesetarios», xerou un debate necesario. Este caso lévanos a reflexionar sobre o perigo de caer en prexuízos identitarios. É comprensible que o propietario, cansado de comportamentos irrespetuosos, reaccione, pero é un erro asociar esas actitudes a unha rexión concreta.
É certo que algúns públicos responden a estereotipos coñecidos. Por exemplo, o turismo de botellón de certos ingleses en Mallorca ou o complexo de superioridade que ás veces se atribúe a algúns turistas franceses e alemáns cando se fala da «calidade» do turista.
Porén, cando se debate sobre a calidade do turismo, moitas opinións en realidade están falando de poder adquisitivo. Isto lévanos a unha reflexión máis profunda: o que realmente deberiamos buscar é un turista máis informado e responsable, porque esa é a verdadeira calidade, e quen traballa no sector agradéceo. Esta é unha idea novidosa que moitas veces se pasa por alto nos debates sobre turismo.
Ao mesmo tempo, é inevitable que as diferenzas culturais e mesmo económicas poidan xerar friccións entre residentes e forasteiros. Esta realidade obríganos a lidiar co diferente, xa que a complexidade das relacións persoais e sociais sempre implica desafíos. O turismo é un exemplo claro desta exposición á diversidade, onde as interaccións, aínda que ás veces complicadas, son unha oportunidade para enriquecer a experiencia tanto dos turistas como dos locais.
Non podemos caer na tentación de facer pagar a todos pola actitude duns poucos, veñan de onde veñan. A educación e o respecto non se definen pola rexión de orixe, senón polos valores persoais. O «complexo capitalino» non é exclusivo dos habitantes da Meseta; o mesmo pode suceder cunha persoa de Pontevedra ou A Coruña fronte a quen a atende nunha aldea rural. A prepotencia non ten fronteiras.
Este caso debería servir como un chamamento tanto aos turistas como a quen os recibe. Aos primeiros, para que viaxen con respecto e consideración; e aos segundos, para non caer en clixés que perpetúan divisións. Aínda que habelos, hainos, os prexuízos non reflicten a realidade diversa da nosa sociedade. Ademais, o maior perigo para a turismofobia non é a orixe, senón a masificación, que é a verdadeira ameaza para a convivencia e a sustentabilidade turística.