Amigos de Valle Inclán, honoris causa

benito leiro VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A concesión do mexillón de ouro de Vilanova é un merecido recoñecemento a unha traxectoria literaria que suma 25 anos

11 ago 2024 . Actualizado a las 00:11 h.

Este verán cúmprense 25 anos da creación dos Amigos de Valle Inclán. Con este motivo, o presidente da asociación, Chema Paz Gago recibirá o mexillón de ouro, a prezada distinción da sociedade e do Concello de Vilanova. Unha honra moi merecida pola traxectoria dun cuarto de século dedicado á enxalzar a figura do grande dramaturgo.

Foi en xullo de 1999, nunha xuntanza de antigos alumnos do desaparecido grupo escolar, no que os reunidos concibiron a idea de crear unha asociación para salientar a vinculación de Valle Inclán con Vilanova. Dende A Pobra seguían dando a murga coa teima de que o escritor nacera na outra banda da ría de Arousa e uns poucos vilanoveses dispuxéronse a frear en seco aquela deriva embaucadora.

A agrupación cultural, presidida inicialmente por Ramón Torrado, presentouse en xaneiro do 2000 no hotel Leal das Sinas e quería contar cunha revista onde expresar as súas inquedanzas respecto de Valle Inclán e da súa vila natal. Así xurdiu Cuadrante, dirixida por Gonzalo Allegue, que coordinaba unha excelente nómina de colaboradores: Victor Viana, José María Leal, Paco Charlín, Xaquín Núñez Sabarís, Martínez Paz, Vila Fariña e Xosé Luis Axeitos, entre outros. A enésima polémica que pretenderon alimentar dende A Pobra sobre a nacenza de Valle tivo cumprida resposta nos primeiros números da revista vilanovesa. Foi tan abrumadora a documentación aportada sobre a vinculación de don Ramón e Vilanova que ninguén se atreveu a responder. E alí morreu o conto.

Durante os últimos 25 anos de excelente labor, os Amigos de Valle demostraron que transcenden o interese local, para converterse nunha das asociacións senlleiras de Galicia e de España, de entre as dedicadas a un creador literario. Os valleinclanianos de máis sona nacional e internacional sentíronse aludidos pola chamada de Cuadrante e dos Amigos acudindo a certificar a cualificación de Vilanova como Vila Literaria. Dende aquí non temos que chamar a autores para que expliquen as súas obras, veñen eles a expoñer a súa visión sobre a literatura de Valle ou dos Camba. Entre os valleinclanistas que acudiron a Vilanova para render culto a Valle Inclán atópanse o biógrafo norteamericano Robert Lima, o actor Rafael Álvarez el Brujo, o investigador Juan Antonio Hormigón, a catedrática italiana Dianella Gambini, o profesor americano Anthony Zahareas ou o dramaturgo José Monleón.

O segundo presidente da asociación foi Cándido Barral, coñecido locutor de Radio Villanueva e, posteriormente, de Radio Coruña, que se mantivo no cargo ata que foi relevado (2012) por Xaquín Valle Inclán, neto do escritor. Despois da pandemia asumiu o cargo a historiadora Alicia Padín e, un ano máis tarde, o profesor Chema Paz Gago, un dos investigadores máis prestixiosos no ámbito do valleinclanismo.

Cuadrante está presente, practicamente, en todas as universidades españolas. Tamén é unha das revistas con maior predicamento nas universidades de Europa e América onde se estuda a Valle Inclán. Chegou a presentarse en Madrid, na Academia de Belas Artes de Roma e na Universidade de Bos Aires.

O grande fito da asociación nos últimos anos foi a creación do Festivalle, festival de teatro valleinclaniano que, en colaboración co Concello e baixo a dirección de José Luis Méndez Romeu, celebrou este verán a súa terceira edición. As súas representacións cóntanse por éxitos teatrais e abarrotes de público no auditorio. Por estes e outros méritos académicos honoris causa que non caberían nesta crónica, moitas noraboas aos Amigos de Valle Inclán.

Benito Leiro é xornalista e cronista oficial de Vilanova