Noveno Festaclown e un propósito claro: a inclusión social a través da animación

raQUEL COCAÑO / B.C. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O festival reunirá 22 espectáculos de risas e diversión por todas as rúas de Vilagarcía dende o 19 ata o 24 de agosto, dentro da programación de San Roque

08 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Novo verán de festas e volve un dos eventos que máis integra a todos os públicos de Vilagarcía: o Festaclown. Organizada para levarse a cabo dende o 19 ata o 24 de agosto, os arousáns e os visitantes poderán gozar das actividades previstas no programa e que percorrerán e encherán as rúas durante seis días. Na presentación da festa, que tivo lugar onte nos xardíns de Ravella, Nacho Fungueiriño, organizador do evento, recalcou a relevancia do obxectivo do Festaclown: «Remarcar o aspecto social do festival a nivel de inclusión». Pois é que diversos grupos de circo social integran varias das actividades pensadas para levalo a cabo, como é o caso de Con eles, Clámide ou Igualarte.

Unha iniciativa de inclusión que aproban e comparten desde a Xunta. O conselleiro de Cultura, José López Campos, anunciaba a nova lei que están a preparar dende o Parlamento de Galicia: «Estamos en tramitación agora mesmo no Parlamento de Galicia da lei de cultura inclusiva e accesible e creo que é unha aposta importante». O alcalde do municipio, Alberto Varela, manifestou o seu respaldo a este tipo de iniciativas pola labor social desenvoltas polos circos desta novena edición. Onte foi presentado o programa do Festaclown, en presenza do director de AGADIC e da concelleira de Cultura, para que os vilagarciáns saiban a que actividade asistir se queren botar unhas risas da man dalgún dos grupos.

LUNS, 19 DE AGOSTO

Día de estreas. Dá comezo o ciclo de actividades do Festaclown con dous novos actos. Ás 19.30 horas terá lugar, a modo de pasarrúas, o espectáculo organizado pola fundación Tchyminigagua, Tchimizayaguas. Ás 21 horas, e tamén ao longo das rúas de Vilagarcía, 7bubbles presenta o seu recente show, Meninas.

MARTES, 20 DE AGOSTO

Animación por toda a cidade. Este día terá lugar a primeira das estreas xerais que se verán no Festaclown ás 11 horas, da man de tres grupos co seu espectáculo Animarte: Igualarte, Con Eles e Tchyminigagua. Ás 12.30 horas, Culturactiva ofrece o seu Máis Saaabor! na praza da Ravella. Burbulla e Sueños Encantados son os shows previstos para a tarde, ás 19.30 e 21 horas, na praza de Galicia e na da II República. Os grupos que pechan este día son 7bubbles e Tchyminigagua.

MÉRCORES, 21 DE AGOSTO

O prato forte, Pablo Múñoz. O presentador estrea Prohibido Tocar. El segurata na praza de Ravella ás 12.30 horas. Ás 11 e 19.30 horas haberá dous espectáculos que correrán da man de Cris Collazo e de Muu para finalmente, ás 21 horas, será o momento dunha nova estrea en Galicia por parte do Circ Colokolo, o Chouf le Ciel, na praza da II República.

XOVES, 22 DE AGOSTO

O circo social. Para exemplificar a intención social coa que se organiza esta festa, Olga Abad presenta A nena lentella ás 11 horas no parque Miguel Hernández, seguido, ás 12.30 horas, por A Vela Circo con O último que apague a luz. Pola tarde: ás 19.30 horas, Cirkompacto ofrecerá Mal de tontos na praza de Galicia, namentres que Ameba Teatre presenta en Galicia Cataplum! na praza da II República ás 21 horas.

VENRES, 23 DE AGOSTO

Os Xogos Olímpicos. Con Eles xunto con Clámide presentan o seu Somos Olímpic@s ás 11 horas na praza de Galicia. Cía sin Triz, pola súa parte, amosará Lila Star na praza da Ravella ás 12.30 horas. Como última estrea xeral da festa, Zriko Txosko presenta na praza de Galicia ás 19.30 horas Tavole e, finalmente, ás 21 horas terá lugar na praza da II República o show de Orain Bi, Mute.

LUNS, 24 DE AGOSTO

A fin. Crus de Caldas expón ás 11 horas na praza de Galicia os Contos en Lila. Simplemente Enricco, ás 12.30 horas, na da Ravella esta vez, amosa Henriko, o Feiticeiro. Para por un peche a este Festaclown, dúas novas estreas en Galicia da man de Mai Clown e Miguel de Lucas ocuparán as prazas de Galicia e da II República ás 19.30 e 21 horas.