«Cargar o morto», «facer a chanca»: O Grove recrea a salgadoira ancestral das sardiñas no mar de Arousa
AROUSA
Moreiras revive o proceso de conservación do peixe coa asociación Rapa das Bestas de Sabucedo como convidada
03 ago 2024 . Actualizado a las 04:50 h.O Almacén Vello de Punta Moreiras acolleu este xoves a primeira das actividades divulgativas en torno ao salgado da sardiña, un proceso ancestral que a Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moreiras ensina ao público ano tras ano co obxectivo de manter viva a tradición conserveira levada a cabo nas antigas fábricas de salgadura da zona hai varios séculos.
Ante a mirada de ducias de persoas, os integrantes do colectivo puxeron en salmoira líquida preto de 50 quilos de sardiña, axudados esta vez por xente da Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo, que se implicou dende o primeiro minuto para aprender a técnica da salga, máis coñecida como «facer a chanca», recreando así o tradicional xeito de conservar o peixe. Alí deixaron a repousar os exemplares, que serán retirados en quince días, o próximo venres 16, outra xornada na que volverán a citarse para sacar o peixe da salmoira e colocalo, unha vez secas as sardiñas, nos tabais de madeira, un proceso ao que denominan como «cargar o morto».
A do xoves foi unha xornada entretida, na que ambos colectivos compartiron inquedanzas, e na que os de Sabucedo deron a coñecer tamén o seu labor no mantemento dunhas das tradicións máis ancestrais de Galicia, a rapa das bestas, que se celebra cada ano a comezos do mes de xullo na Estrada.
Unha aprendizaxe compartida que, no caso do Grove, trasladou ao público presente o biólogo José Luis Escalante, responsable do Museo da Salga durante moitos anos, e un dos impulsores deste proxecto museístico. A actividade é dende hai moito tempo un importante atractivo para o turismo, pois axuda a comprender non só a historia do Grove, ligada dende sempre á actividade pesqueira, senón tamén a industria conserveira que tivo en Punta Moreiras un importante enclave, con dúas factorías que funcionaron alá polo ano 1800.
A proposta vén a completar a experiencia do turista, que ten a opción de visitar neste espazo o Museo da Salga, con valiosa información sobre ferramentas, artes pesqueiras ou valiosas pezas feitas de carpintería de ribeira. Estas xornadas de divulgación rematarán, como é habitual, cunha gran comida para dar conta dese peixe que con tanto mimo se afanaron en conservar.