O Arousa Pádel de Vilagarcía celebrou esta temporada o título de campión da Copa de Galicia Feminina. Un éxito que levou onte o alcalde da capital arousá, Alberto Varela, e o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, a tributarlles ás súas integrantes a recepción municipal reservada para estas ocasións por parte do goberno local.
As xogadoras do Arousa Pádel acudiron ao consistorio co seu trofeo, ao que o vindeiro mes de novembro sumarán a experiencia de competir no Campionato de España Feminino por equipos, en Barcelona.
Integrado por mulleres de diferentes franxas de idade, o Arousa Pádel trasladoulle ao alcalde a súa pretensión de facer medrar o seu club, aproveitando a visibilización que a recepción municipal lles brindou ás súas integrantes para animar a rapazas e mulleres de calquera idade de Vilagarcía e da comarca a probar a práctica do pádel no club vilagarcián, ubicado no ximnasio do mesmo nome.
O alcalde felicitou as xogadoras do Arousa Pádel polo seu éxito na Copa de Galicia e pola rápida evolución na súa escasa traxectoria, ascendendo de categoría. Alberto Varela desexoulles moita sorte na súa futura participación no Campionato de España, asegurando: «Estaremos moi atentos e esperando que regresedes de novo aquí para amosarnos esoutro trofeo».