Diego Domínguez entra directo nunha final que esta mañá decide se será olímpico

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

RFEP

O padexeiro do Breogán e o seu compañeiro balear Joan Antoni Moreno competirán por unha rúa mellor cos sevillanos García e Martínez

10 may 2024 . Actualizado a las 22:02 h.

O canoísta madrileño do Breogán do Grove Diego Domínguez e o seu compañeiro de barco, o balear Joan Antoni Moreno, xóganse na mañá deste sábado, desde as 10.25 na pista húngara de Szeged, a praza olímpica española nos Xogos de París cos sevillanos Tano García e Pablo Martínez. Ambas as dúas tripulacións conseguiron este venres, na xornada inaugural, o pase á final do C2 500 da Copa do Mundo que a Real Federación Española de Piragüismo elixiu para o desempate entre os andaluces, que conseguiron o billete á gran cita francesa para o país no Mundial de agosto do 2023, e os gañadores do selectivo nacional disputado hai agora un mes. O barco que remate por diante do outro no día de hoxe será o que se leve o gato á auga.

Se ben as dúas canoas españolas en Szeged conseguiron acceder á final, o seu punto de partida de cara ao exame final difire, situando con certa vantaxe anímica á parella formada por Domínguez e Moreno. E iso, logo de que o madrileño do Breogán e o balear foran quen de conseguir a clasificación directa para a regata polas medallas da Copa do Mundo gañando a segunda as tres series do C2 500, vía para evitar unha semifinal pola que tiveron que pasar os sevillanos. Así, mentres Domínguez e Moreno se impoñían con autoridade en 1.44,68, con 1,35 segundos por diante dos italianos Casadei e Tacchini, García e Martínez remataron cuartos na serie tres. Ben é certo, na que semella unha estratexia de reserva de forzas compartida por todos os seus rivais ante a coñecida superioridade dos rusos Korovashkov e Shtyl, que o mércores conseguían a única praza no C2 500 en xogo no clasificatorio olímpico europeo de acceso á cita de París.

A maneira de clasificarse concédelles a Domínguez e Moreno a vantaxe engadida de padexar na final pola rúa 4, con Korovashkov e Shtyl servíndolles de lebres pola 5, mentres García e Martínez compiten pola rúa 8.