O breoganista Diego Domínguez pelexa en Szeged a praza olímpica no C2 500

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Capotillo

Debe mellorar xunto ao balear Moreno o que fagan os sevillanos García e Martínez na Copa do Mundo

10 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O pontevedrés Pablo Crespo Penas conseguiu onte o pasaporte virtual para o C1 1.000 dos Xogos de París cun terceiro posto no clasificatorio olímpico europeo celebrado entre o mércores e o xoves en Szeged, Hungría, con Rusia tendo que renunciar a un barco tras gañar os dous selectivos da canoa masculina. Entre hoxe e mañá, o padexeiro madrileño do Breogán do Grove Diego Domínguez pelexará xunto co balear Joan Antoni Moreno por ser o mellor dos dous C2 500 españois na Copa do Mundo de Szeged e arrebatarlles aos sevillanos Tano García e Pablo Martínez a praza en París na canoa dobre que en agosto do 2023 estes conseguiron para España no Mundial.

Domínguez e Moreno arrincan esta mañá, ás 9.57 horas, a súa participación na Copa do Mundo na segunda das tres series do C2 500. Só o primeiro de cada unha delas accederá á final, programada para mañá ás 10.25. Desde o segundo ao sétimo clasificados de cada serie inicial accederán ás semifinais que hoxe, pouco antes do mediodía, porán en xogo a media ducia de prazas restantes para a regata polas medallas. O canoa española mellor clasificada en Szeged irá aos Xogos en agosto.