O Arousa de Perú recibe hoxe en Zacande a un Val Miñor co que rivaliza na metade da táboa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

10 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A afección do Arousa deberá desprazarse, unha vez máis, a Zacande, Meis, para poder apoiar o equipo que serve de escaparate do gran traballo que ao longo da última década se vén facendo na canteira arlequinada; hoxe por hoxe, posiblemente tan só por detrás das do Celta de Vigo e Deportivo da Coruña. Desde as 17 horas, o conxunto que dirixe David López, Perú, recibe a E.D. Val Miñor Nigrán, nun partido entre dous rivais consolidados na zona media da clasificación do Grupo 1 da División de Honor Juvenil. 

O Val Miñor chega ao duelo un posto, oitavo, e un punto, 26 en total, por riba dun Arousa lastrado polas tres semanas que encadea sen ver porta, castigadas cun só punto dos últimos 9 en xogo.

Perú salienta do Val Miñor o feito de manter boa parte do bloque co que o curso pasado acadaba o ascenso á categoría raíña do balompé de formación en España. Un cadro de xogadores que apuntalou coa incorporación de descartes procedentes do Celta de Vigo. O técnico arlequinado advirte a irregularidade do seu rival, con grandes resultados fronte aos equipos grandes da Liga, mesmo derrotando o conxunto olívico. Na primeira volta, o Arousa gañou o partido cun 0-3 en Nigrán.