O Seprona investiga unha vertedura contaminante a un regato na contorna do acuario do Grove
AROUSA
O Servizo Municipal de Emerxencias empregou dúas horas de traballo na súa retirada
02 feb 2024 . Actualizado a las 09:46 h.Dous particulares foron os que deron a voz de alarma cunha chamada ao 112 este xoves á unha e media da tarde. No lugar da Lavaxeira, en Meloxo, a desembocadura dun regato na contorna do acuario e do Museo da Salga do Grove presentaba unha imaxe preocupante. Moi preto dunha zona de marisqueo, a pequena canle fluvial aparecía tapada por unha espesa capa de escuma, só atribuíble á man do home. Desde o 112 puxeron en marcha o correspondente operativo, co Seprona, o servizo de protección do medio ambiente da Garda Civil, personándose no escenario e abrindo unha investigación para tentar descubrir a orixe da vertedura contaminante.
O Seprona contactou co Servizo Municipal de Emerxencias do Grove para comunicarlle o atopado en Meloxo e solicitar que o retirase. Dous operarios do departamento local procederon a facelo, atopádonse, explica o seu xefe, José Antonio Álvarez, cunha substancia «graxenta, seguramente de peixe», o que fai pensar na hipotética procedencia dunha empresa industrial dedicada á transformación ou envasado de produtos do mar. Un punto este que será o que teña que aclarar a investigación iniciada polo Seprona.
Dúas horas dedicaron a extraer da auga toda a materia flotante á vista os dous profesionais do Servizo Municipal de Emerxencias do Grove, coa que, informa José Antonio Álvarez, encheron cinco capachos.
O contido da vertedura foi trasladado ata unha zona de almacenamento propiedade do Concello do Grove, onde quedou depositado en espera de que o servizo de protección do medio ambiente da Garda Civil lle dea as oportunas instrucións a Emerxencias a fin de proceder á súa eliminación segura e definitiva.