Un Arousa de voo baixo déixase dous puntos ante un esforzado Pontevedra B (0-0)

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo POIO / LA VOZ

AROUSA

Iñaki, que rematou expulsado cando xa se atopaba cambiado no banco, defendendo o pontevedrés Constenla
Iñaki, que rematou expulsado cando xa se atopaba cambiado no banco, defendendo o pontevedrés Constenla RAMON LEIRO

Iñaki viu a vermella xa cambiado nunha protesta do banco arlequinado ao árbitro

25 nov 2023 . Actualizado a las 20:16 h.

En espera do que aconteza co groso dos restantes partidos da duodécima xornada de Liga da Terceira R.F.E.F., o Arousa deu na tarde deste sábado un paso atrás na súa pretensión de probarse candidato firme ao título e ao ascenso directo, empezando por engancharse á zona de postos de promoción. Tras poder asumir o discurso do vestiario arlequinado tildando de inxusta a derrota unha semana atrás a mans do Bergantiños na Lomba, non hai a menor xustificación para o 0-0 encaixado polo conxunto que dirixe Luisito Míguez no campo da Seca ante o penúltimo clasificado. Un Pontevedra B que se valeu do esforzo e da orde dos seus homes para esterilizar o fútbol do cadro vilagarcián e crear un escenario de partido sen goles, que acabou inmortalizado co pitido final do colexiado Gabriel Quintairos.

Xogaba o Arousa nun campo sintético, pero de grandes dimensións e excelente estado, perfecto para poder darlle amplitude ao seu xogo creando espazos. Por iso, o primeiro que chocou foi ver a Luisito deixar no banco a Cotilla, o carrileiro por excelencia do seu cadro de persoal e especialista nese tipo de traballos. Saber que tería acontecido co vigués no terreo é un puro exercicio de ciencia-ficción. O que non o é son as carencias amosadas durante todo o encontro polo cadro arousán para descolocar a defensa do, a día de onte, segundo peor equipo da Liga.

Cómodo en bloque baixo, o filial granate limitouse a manter posicións e, a partir de aí, agardar por algún roubo ou fallo de continuidade do Arousa para lanzar contragolpes moi verticais; sobre todo cando se iniciaban aos pés de Gueye. O extremo africano, que hai un ano marabillara co primeiro equipo pontevedrés en partido de Copa do Rey, probou unha calidade moi superior á Terceira R.F.E.F., tanto pola súa capacidade de superar a canto par se lle poñía por diante como á hora de buscar os seus compañeiros nos espazos que podían facerlle dano ao seu rival.

Varios contados remates soltos e disparos afastados que saían fóra ou eran atrapados sen problema polos porteiros deixaron o tiro de Iñaki no minuto 66 coma única ocasión de gol digna de tal nome, atrapando na área un balón rebotado e facendo lucirse a Carlos García para evitar o 0-1. Co efecto dos cambios dun e doutro equipo diluídos na nada, a outra xogada do choque foi a expulsión de Iñaki no minuto 92, xa cambiado, pola protesta colectiva do banco arlequinado denunciando un golpe coa cabeza de Jar a Javi Pereira que o trío arbitral non viu.

FICHA DO PARTIDO:

PONTEVEDRA B (0): Carlos García, Pacheco, Arnosi, Muíños (Espiña, min 83), Jar, Constenla (Jacobo López, min 81), Gueye, Hugo Padín (Grajales, min 71), Arango, Toño Otero e Casais (Gonzalo Álvarez, min 81).

AROUSA (0): Manu Táboas, Santi Figueroa, Pacheco, Martín Sánchez, Nacho Carús, Marcos Mella (Diego Enjamio, min 64), Concheiro, Sylla (Javi Pereira, min 64), Iñaki Martínez (Brais Pedreira, min 76), Martín Diz e Borja Míguez (Rubo, min 64). 

ÁRBITRO: Gabriel Quintairos. Expulsou con vermella directa a Iñaki Martínez xa cambiado no banco (min 92). Amosoulles amarelas aos xogadores locais Jar e Grajales e aos visitantes Santi Figueroa e Nacho Carús.