Os municipios con maior afluencia de visitantes teñen a necesidade de facer un gasto maior cando estes fan que durante varios meses ao ano se multiplique a poboación
15 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.César García Novoa, catedrático de Dereito Financeiro da USC, na revista Tributos Locais deste mes de outubro realiza un estudio das taxas turísticas desde un punto de vista legal. Fai unha introdución para explicar o porqué da súa necesidade, sen deixar de recordarnos que a industria turística representa o 12,2% do PIB español e dá ocupación a uns tres millóns de traballadores. Palabras maiores. Lémbranos, tamén, os efectos negativos deste negocio e cita os custes medioambientais, a conxestión e o sobre-uso de servizos colectivos nos que os turistas se comportan como free riders ou polisóns. Esa conduta de turista polisón explícase facilmente en relación cos servizos municipais; por exemplo, moi claramente, cos servizos de limpeza, recollida de lixo, depuración de augas residuais, abastecemento de auga, vixilancia e outros. Non é necesario reiterar que os municipios con maior afluencia turística teñen necesidade de facer un gasto maior cando os visitantes, incluíndo free riders ou polisóns, fan que durante varios meses ao ano se multiplique a poboación. A modo de exemplo, no Grove, cuns dez mil veciños, entran uns corenta mil viaxeiros cada día na temporada de verán. Todos os custes dos investimentos e gastos necesarios —por exemplo, incremento de persoal— que fan falta para atender ese aumento de poboación son cartos que hai que restarlle aos veciños, que cos recursos municipais ían ter uns servizos e, como consecuencia do turismo —particularmente cos polisóns— van ter moitos menos. É obvio. O profesor García Novoa ve unha axuda para paliar esta desvantaxe económica na implantación das taxas turísticas. Ese imposto faise necesario porque o turismo de masas incrementa as esixencias financeiras dos Concellos que o soportan, e unha solución a ese maior gasto non está prevista na lexislación. O problema para as taxas turísticas é que os concellos non son os competentes para implantalas e ten que ditarse unha lei para impolas e intentar garantir a suficiencia económica dos concellos. No Libro Blanco Tourism Taxes by Design do grupo NAO e o Global Destination Sustainability Movement dise que os impostos ó turismo son ben recibidos polos consumidores se se comunican como unha contribución modesta para proxectos e actividades útiles e rexenerativas; e os habitantes de poboacións que soportan presión turística vense máis inclinados a aceptar socialmente o turismo e a non caer na turismofobia. A necesidade de que as taxas turísticas —occupancy tax— sexan creadas por lei exclúe, pois, da súa implantación aos municipios porque só poden deseñalas o Estado ou as Comunidades Autónomas. Ata agora en España foron Cataluña, Baleares e Comunidade Valenciana as que regularon este imposto, para que os municipios que soportan un turismo masivo poidan dispor de suficiencia financeira. En Cataluña, por exemplo, páganse por día entre 3,50 euros e 1 euro segundo a categoría do establecemento hostaleiro. Fóra de España, en Suíza 2,35 euros, en Eslovenia 1,23 euros, en Bruxelas entre 9 e 2,5 euros e en París 4,4 euros tamén día. Este imposto axudaría aos Concellos e os seus veciños mellorarían nos servizos. Pero non so hai que gravar aos que se aloxan, senón aos excursionistas; e iso parece que só pode facerse a través do uso do automóbil con Ordenanzas de tráfico ou regulando o acceso ás praias, como ocorre noutros lugares de Europa. Un dato para estudar: este ano na temporada estival a comarca do Salnés recibiu, en números redondos, uns cinco millóns de excursionistas e só un millón de turistas. Haberá que pórse a pensar niso.