Patrón e proel da Pereka, navegantes desde os 13 anos: «A nosa satisfacción máis grande é ver que as dornas seguen no mar»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Dorado e Chica coleccionan tres décadas de éxitos nas regatas que salvagardan o barco tradicional

30 sep 2023 . Actualizado a las 23:08 h.

Do moito que mudou o traballo no mar dan fe os centos de bateas que xa forman parte da alma desa paisaxe das grandes rías galegas que namora a propios e estraños. «Cando era rapaz moitos días iamos toda a familia nunha gamela á batea do meu pai e non había máquina, só un pequeno guindastre, facíase todo manualmente.

Traballábase duro, non como agora, que con toda a maquinaria que hai case practicamente non se fai nada». José Antonio Dorado Outeda (A Illa de Arousa, 2 de maio de 1975) viviu en primeira persoa a transición da que fala —desde adolescente traballou no parque de cultivo do seu pai, ocupación que compaxina desde o 2005 coa de navalleiro a mergullo—.

E inda que non pode facer o mesmo á hora de comparalo coa dureza extrema que lles tocou aos mariñeiros que sacaban o sustento ao lombo das embarcacións tradicionais nas que debían moverse a remo ou a vela antes das bateas e dos motores de combustión, tanto Dorado como o seu inseparable amigo da infancia Alberto Vicente Fernández, Chica (A Illa de Arousa, 15 de novembro de 1974), gañáronse a pulso a condición de catedráticos na materia a base de milleiros de singraduras. Diso e de ser posiblemente a mellor tripulación de dornas a vela do país no Século XXI, aos mandos da Pereka.

Hai un mes, en Combarro, Dorado (patrón) e Chica (proel) revalidaban o título na segunda edición da Copa Mörling, a competición que recolleu o testemuño da Copa Galicia de Dornas a Vela na que a parella de gañara xa catro ou cinco veces, sen acertar a recordar o número exacto. Un palmarés coa súa historia persoal detrás e con razóns de ser de peso.

Netos e fillos de mariñeiros, os homes tras a Pereka criáronse practicamente porta con porta a 50 metros da divisoria entre a terra firme e ese gran campo líquido que lles daba de comer ás súas familias. «Desde que nacemos viviamos na praia. De pequenos andabamos nas dornas e nas gamelas, subiámonos a elas, desamarrabámolas e os vellos berrábannos», lembra Chica. Lonxe de desanimalos, con 12 ou 13 anos, a parella de amigos deu a súa primeira gran mostra desa afouteza que leva séculos acompañando os nomes dos mariñeiros galegos polo mundo.

Logo de facer os seus experimentos, como a balsiña con tres táboas e un plástico montada por Alberto coa que un día probaron a saír navegar, e despois de irse afacendo montados nunha pequena dorna de sete cuartas do avó de Dorado, a principios dos 90 chegoulles a oportunidade de cumprir un desexo irrefreable. Nunha das seis dornas a vela feitas nos seus inicios pola Asociación Cultural e Deportiva Dorna anotáronse na súa primeira competición.

Superando os mestres

«Onde ides vós con tanto vento, rapaciños!». Era o que lles dicían entón os maiores ao velos prestos a competir, recorda Dorado. Daquela «o chaleco —salvavidas— era tan grande e nós tan pequenos que non se nos vían as cabezas». Arredor deles, nas regatas, «todos eran mariñeiros moi curtidos». Por iso, permitíanse dicirlles aos dous benxamíns que eran «os nosos mestres», conta o patrón da Pereka.

«Os vellos ensinábannos, ata que lles ensinamos a proa, e a partir de aí xa non o levaban tan ben», di Chica, compartindo a satisfacción daquel sorpasso e do seu efecto entre os veteranos homes de mar cos que nada tiñan que facer cando en 1994 un mariñeiro que se xubilaba lles regalou a que foi a súa primeira dorna a vela en propiedade ao ofrecerlle comprala.

Un avó e un tío de Dorado que lles daban ben á carpintería puxérona a punto, pero con aquela primeira Pereka «nunca quedamos ben, porque era pequena e estreitiña e levaba unha vela grande como as outras e con moito vento pasabámolo mal», din. Pero aos poucos anos «xubilouse Miximilín» e a súa Lucha, coa que tantas regatas gañara, acabou convertida na Pereka 2.0 e o trampolín para o seu primeiro título da Copa de Galicia, en 1997.

«O tempo que competimos, gañámolo case todo», di Dorado, sinalando a década que botaron fóra do circuíto cando ambos os dous comezaron a crianza dos fillos. Só houbo dúas regatas ás que nunca faltaron ata o seu regreso o ano pasado, a Volta á Illa e a Regata do Bao, tamén no seu municipio; na primeira, regalándolle o ano pasado un dos mellores recordos a Dorado, por tela gañado xunto a súa esposa, Raquel Zas, na única vez que non puido participar Chica, converténdose na única muller en impoñerse na regata de regatas do calendario de dornas a vela.

«A máis difícil de gañala», di o patrón, por canto «aos primeiros lévanos unhas dúas horas, nas que te atopas con pedras, con encalmadas...» que testan a calidade das distintas tripulacións. Sete veces celebrou o primeiro posto a da Pereka, nome co que os padexeiros do Piragüismo A Illa, no que botaron dez anos de mozos Dorado e Chica, lles chamaban ás súas compañeiras de club.

Cal é a fórmula do éxito do tándem arousán? Pois a suma multiplicadora de varios factores: «Botamos moitos anos aprendendo dos vellos nas regatas. Recordo ir sen material, pero con toda a ilusión do mundo, e as regatas nunca se suspendían, nin vento nin leches; e así aprendías e aprendías», di o proel. «Levamos máis de 30 anos xuntos e temos o mellor material, coa dorna coa que navegamos agora feita por un carpinteiro de Cabodeiro hai 25 años», engade Dorado.

Os dous amigos non negan o moito que lles gusta gañar, pero non é iso o que máis os move hoxe a seguir competindo. «A nosa satisfacción máis grande», salientan, «é ver que as dornas seguen no mar. As dornas estaban a morrer nas praias e se seguen a existir é grazas ás regatas e as escolas tradicionais».