Da permanencia das desaparicións forzadas

AROUSA

Tense repetido que España vai de segunda clasificada mundial (en que máis?) no número de desaparicións forzadas detrás de Camboia

03 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Tense repetido que España vai de segunda clasificada mundial (en que máis?) no número de desaparicións forzadas detrás de Camboia e de primeira na de adoptar menos medidas para investigar e xulgar eses crimes. Como se se escoitase chover. E, parece broma, aquí, con cento dez mil desaparecidos -en Chile, mil-, non se xulgou a ninguén. Cumpriranse pronto quince anos da miña participación nun moi lembrado foro de debate organizado pola Asociación da Memoria Histórica do Grove con M.A. Rodríguez Arias, A. Rodríguez Gallardo, Joan Tardá, e J.A. Martín Pallín. Falei, con algunha incomprensión do movemento da Memoria, dos obstáculos para a reparación das vítimas da Lei de Amnistía de 1977, subscrita por UCD, PSOE, PSP, PSC, PCE e as Minorías Vasco-Catalás. Pois ben: a pesar infrinxir os Convenios e xurisprudencia internacional, nin a lei de 2007, nin a de 2022 de Memoria Democrática eliminaron os atrancos desa norma de punto final, cualificada así tamén por Txiki Benegas: «Neste país, a única lei de punto final fixémola en outubro de 1977 os demócratas para os franquistas». Trinta anos despois promulgouse a primeira, e tan tímida, lei de Memoria, precedida de propostas de ERC, IU-IPC, PNV, BNG, EA empuxados polo movemento memorialista dos netos das vítimas do franquismo, reclamando verdade, xustiza e reparación. Volveron transcorrer quince anos ata a nova Lei de 2022, que segue a ser incompleta. O pasado día 30 a ONU conmemorou o Día Internacional das Vítimas de Desaparicións Forzadas. En España segue habendo vítimas de desaparicións forzadas: asasinados, represaliados e nenos arrincados do seo materno; seres humanos soterrados por gabias e descampados, sen lápida, sen un lugar onde se lle poida pór unha flor. E, contra todo raciocinio e humanidade, determinados dirixentes influíndo en parte da poboación que di non aturar que se fale da memoria histórica. O Xefe do Estado, herdeiro do réxime que causou ese dano, nin se imaxina pedir perdón. Cabe a posibilidade de que as leis de 2007 e de 2022 de Memoria Democrática, non teñan a denominación adecuada e deberan levar como título o da Convención Internacional para a Protección de todas as Persoas contra as Desaparicións Forzadas. Se se chamasen Lei contra a Desaparición Forzada das Persoas, serían máis doadas de asimilar. Pero aínda que todos os seus preceptos son de pura humanidade e conformes coa legalidade internacional, hai dous recursos de inconstitucionalidade presentados contra ela este mesmo 2023; un por Vox e outro polo Partido Popular. E, alentados polos seus líderes, algúns dos seguidores falan de non revolver nas feridas, de que todos mataron, ou moitas outras afirmacións irreproducibles, que reflicten a permanencia enraizada neses aparatos políticos dun filofranquismo inexplicable para os crimes de Estado. España ratificou en 2011 a Convención Internacional para a Protección de todas as Persoas contra as Desaparicións Forzadas e, polo tanto, forma parte do ordenamento xurídico. Así que ningún partido político debería manter esa actitude -en que mundo viven, con quen falan, con que se conmoven?- de rexeitamento de que un Estado que asasinou, reprimiu, exiliou, vexou, non teña que buscar e reparar ás súas vítimas. A nova lei de Memoria Democrática de 2022 é un avance pero ten pexas. Unha, non derrogar ou reformar a Lei de Amnistía de 1977. Outra, a confianza nun sistema xudicial sometido a esquemas procesuais, como se se tratase de dúas partes nun proceso, que non son axeitados. Tampouco contén a petición explícita de perdón do Estado e, particularmente, falta a creación dunha Comisión da Verdade, independente e autónoma, complementaria coa tutela xudicial efectiva, que podería recibir a testemuña de miles de vítimas e non só das que acudan aos xulgados; que axudaría a destapar as violacións de dereitos humanos, incluíndo as de dereitos económicos, sociais e culturais e podería determinar a responsabilidade do sector privado porque é evidente que os crimes non os cometeu Franco só, e así poderíanse dilucidar as obrigas da Igrexa, Bancos e outros particulares, que seguen impunes. A impunidade é a antítese da democracia. Vai sendo hora de poñérmonos na pel de quen sufriu desaparición forzada, utilizada tamén para infundir terror nos cidadáns. E, de verdade, agradecería, que se me explicase para que ratificou España o Convenio Internacional da ONU contra as Desaparicións Forzadas.